As comunidades de montes do Baixo Miño reclaman planificación e coordinación institucional para evitar o deterioro das ribeiras e illas do Miño
Infogauda / O Baixo Miño
A Mancomunidade de Montes Veciñais en Man Común do Baixo Miño quere destacar a importancia da solicitude presentada pola Comunidade de Montes Veciñais de San Miguel – Niño do Corvo á Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal da Xunta de Galicia. Esta petición busca que as superficies ribeiregas e insulares do río Miño, propiedade das comunidades de montes, sexan incluídas no próximo Plan de Ordenación Forestal.
Unha situación insostible
Na actualidade, estas superficies están excluídas dos proxectos de ordenación debido á súa clasificación como Dominio Público Marítimo Terrestre (DPMT). Esta exclusión impide unha xestión planificada e supervisada destas áreas, contribuíndo ao seu abandono e á proliferación de especies invasoras como as acacias e os plumeiros da pampa. Ademais, estas zonas, que forman parte do LIC Baixo Miño e da ZEPA Esteiro do Miño, están sufrindo unha significativa degradación ambiental que ameaza os seus valores naturais e culturais.
A importancia dos proxectos de ordenación forestal
Os proxectos de ordenación forestal son ferramentas fundamentais para garantir unha xestión eficaz, sostible e supervisada das superficies forestais. A súa inclusión permitiría:
1. Planificar a erradicación de especies invasoras: Desenvolver accións coordinadas ao longo do tempo para controlar a expansión de especies exóticas e salvagardar a biodiversidade local.
2. Organizar os pasos para a recuperación de hábitats autóctonos: Replantar con especies propias que favorezan a recuperación ecolóxica e melloren a resistencia do ecosistema.
3. Establecer un sistema para a limpeza e mantemento das ribeiras: Organizar, controlar e supervisar anualmente a retirada de restos vexetais e árbores caídas, reducindo os riscos ambientais e atendendo as necesidades do terreo.
Un chamamento á acción
A Comunidade de Montes Niño do Corvo únese ao chamamento de emerxencia realizado polo comandante naval de Tui, Andrés Díaz-Ripoll, ante o grave deterioro ambiental do río. “A proliferación de especies exóticas invasoras, como a carpa e a lavaza (Egeria densa), unida á acumulación de sedimentos no delta, está poñendo en risco non só as especies autóctonas como a lamprea e a anguía, senón tamén o futuro deste valioso ecosistema.”
“É imprescindible que estas superficies poidan ser incluídas nos proxectos de ordenación forestal, implicando así as Comunidades de Montes. Só desta forma será posible integrar a veciñanza nunha xestión sostible, coordinada e adaptada aos valores ambientais e culturais destas zonas”, afirman desde a Mancomunidade de Montes do Baixo Miño.
“A recuperación das competencias autonómicas sobre o litoral, agora na Xunta de Galicia, representa unha oportunidade única para abordar este problema. Por iso, solicitamos unha resposta favorable e áxil que permita avanzar nunha planificación efectiva e nunha colaboración estreita entre administracións e comunidades locais”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario