18 de nov. de 2024

VIGO

Convocada folga na empresa de automoción Dalphimetal polo despido de tres traballadores 

O paro e as mobilizacións terán lugar dende as 22:00 deste martes 19 até as 22:00 horas do mércores 20 no polígono vigués do Caramuxo

 

Sede de Dalphimetal España (ZF Services) wn Vigo
Foto: CIG

Infogauda / Vigo

 A maioría do comité de Dalphimetal España (ZF Services), compañía do sector da automoción con sede en Vigo, decidiu convocar unha xornada de folga para rexeitar o despido obxectivo de tres traballadores con varias décadas de antigüidade na empresa. Dende a representación do persoal rexeitan que as rescisións de contrato estean xustificadas, tal e como sostén a dirección, e lembran que dous dos afectados estiveron de baixa por riscos psicosociais. 

 Os arredor de 450 empregados/as da fábrica situada no polígono industrial do Caramuxo están chamados/as a secundar un paro de 24 horas que se estenderá dende as 22:00 horas deste martes 19 até as 22:00 horas do mércores 20. Ademais, hai convocadas concentracións diante das instalacións da compañía ao inicio da quenda de noite (22:00) e da de mañá (5:00). Posteriormente os traballadores/as desenvolverán unha protesta na rotonda de entrada ao polígono a partir das 12:30. 

 Dende a maioría do comité sinalan que as tres persoas despedidas contan cada unha delas con varias décadas de antigüidade na empresa (25, 26 e 38 anos) e que dúas estiveron de baixa recentemente por doenzas derivadas de riscos psicosociais. Por iso consideran que as causas económicas, organizativas e da produción esgrimidas por Dalphimetal para xustificar a decisión son unha escusa para aforrar custes desfacéndose do persoal con máis antigüidade. 

 Tanto a folga como as mobilizacións están promovidas pola maioría da representación sindical (CIG, UGT e CUT), mentres que CCOO optou por desmarcarse da convocatoria. Con elas pretenden, ademais de reclamar a readmisión dos despedidos, denunciar da situación que atravesa o sector e alertar da posibilidade de que se produzan máis despidos “xa que os rumores nese sentido son constantes dentro da empresa”. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario