18 de nov. de 2024

PONTEVEDRA

A Deputación de Pontevedra concentra a máis de 130 profesionais e estudantes no Encontro de Conservación e Restauración que organiza o Museo de Pontevedra 

A 13ª edición deste encontro celébrase o xoves e venres desta semana con doce conferencias arredor do como coidar e intervir a madeira como soporte de bens culturais


Escultura afectada por insectos xilófagos
Foto: D.PO.

Infogauda / Pontevedra

 O xoves e o venres desta semana, o Edificio Castelao acollerá a máis de 130 profesionais e estudantes relacionados coa restauración, os museos e as belas artes no XIII Encontro de Conservación e Restauración, centrado este ano na madeira como soporte de bens culturais. A cita, organizada pola Deputación de Pontevedra a través do Museo de Pontevedra e pola Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia, conta coa presenza de expertos na materia procedentes da National Gallery de Londres, o Museo do Prado, o Gran Museo de Exipto e outras institucións de referencia.  No encontro abordaranse as particularidades do tratamento da madeira en pezas arqueolóxicas, esculturas, pinturas e elementos singulares como retablos, embarcacións ou cadaleitos. Mohamed Moustafa, conservador de artefactos de madeira do Gran Museo de Exipto, explicará as investigacións e intervencións realizadas na cama de madeira pintada de Tutankamon, que se conserva nese museo do Cairo. E David Pearson, director de conservación do Mary Rose, explicará os métodos de conservación que se aplican ao barco de guerra insignia de Enrique VIII, construído no século XVI e que se conserva musealizado no porto inglés de Portsmouth.  

 Estes son dous exemplos da diversidade de usos da madeira nos bens culturais e dos enfoques variados que terán as conferencias desta edición. As prácticas que realizan en pinturas sobre táboa na National Gallery de Londres e no Museo del Prado serán abordadas por Britta New e José de la Fuente, respectivamente. A conservación de obxectos arqueolóxicos centrará as conferencias de Luis Carlos Zambrano, do Museo de Cádiz e do equipo galego formado por María Martín, Clara González, Carolina Pérez, Yolanda Porto e Olga Aguín.  

 As intervencións en arquitectura e en elementos estruturais de edificios serán protagonistas nas conferencias de Manuel Touza, que abrirá o encontro falando dunha intervención no mosteiro de Xunqueira de Espadanedo, e de Mayte Domínguez, que falará da actuación da Casa del Labrador, no Real Sitio de Aranjuez. Rosa Tera, de Batea Restauración, falará dos tratamentos empregados na estabilización de retablos. Tamén se abordarán aspectos técnicos, como o uso de masillas, os tratamentos contra termitas e a bioloxía da biodeterización de obxectos de madeira, con conferencias de Manuel Moragues, David Mora e Héctor Bolívar en cada caso.  

 O encontro está orientado a profesionais de museoloxía e está aberto a estudantes de disciplinas relacionadas, como conservación e restauración, historia, ou historia da arte.  Ten carácter presencial, aínda que as intervencións serán rexistradas en vídeo e posteriormente postas a disposición do público no sitio web do Museo de Pontevedra. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario