5 de nov. de 2024

PAZOS DE BORBÉN

Premios María Moliner 2024  

Abel Losada felicita a Pazos de Borbén polo seu compromiso coa lectura e co libro 

A biblioteca municipal vén de ser galardoado no concurso nacional de animación á lectura María Moliner do Ministerio de Cultura 

Estes premios recoñecen o bo facer das bibliotecas de concellos de menos de 50.000 habitantes  

Os proxectos presentados polas bibliotecas de Tui, Soutomaior e Moraña tamén resultaron seleccionados 


O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, xunto ao alcalde, Luciano Otero, a concelleira de Cultura, Victoria Couñago e o director da Biblioteca, José Manuel Soto

Foto: S. de G.

Infogauda / Pazos de Borbén

 O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, felicitou á biblioteca de Pazos de Borbén polo traballo a prol da lectura realizado desde o municipio. Fíxoo tras visitar este espazo xunto ao alcalde, Luciano Otero, a concelleira de Cultura, Victoria Couñago e o director da Biblioteca, José Manuel Soto. 

 A biblioteca municipal vén de ser galardoada cun dos premios María Moliner de animación á lectura outorgados polo Ministerio de Cultura. Este concurso nacional, que organiza anualmente o Ministerio en colaboración coa Federación Española de Municipios e Provincias busca recoñecer o traballo de 370 bibliotecas pertencentes a municipios de menos de 50.000 habitantes que leven a cabo proxectos salientables que inclúan acciones de animación á lectura, de eficiencia e labor bibliotecaria. integración social e uso de novas tecnoloxías. Cada un dos galardóns está dotado de 2.777,77 euros que deberan dedicarse á compra de novos libros ou publicacións para a biblioteca.  

 O subdelegado do Goberno felicitou aos responsables da biblioteca municipal polo traballo desenvolvido e destacou a inversión superior ao millón de euros que destina o Goberno a “este programa, chave na promoción do acceso ao libro e a lectura, xa que aproximadamente a metade da poboación española reside neste tipo de municipios e vilas máis pequenas”. 

 Abel Losada salientou que, ademais da biblioteca de Pazos de Borbén, outras tres bibliotecas da provincia - ás de Soutomaior, Tui e Moraña - foron premiadas na última edición destes premios.  

Doce mil volumes para tres mil habitantes 

A Biblioteca Municipal de Pazos de Borbén conta cuns 12.000 volumes e presta ao redor de 1.500 libros ao ano, cifra moi relevante nun concello de menos de 3.000 habitantes. Conta cunha gran colección de literatura e un amplo apartado de literatura infantil. 

 Entre outros aspectos, o Ministerio valora o dinamismo do centro e a súa programación actual, xa que a Biblioteca participa no Festival Internacional de Narración Oral Atlántico e organiza un concurso anual de relato curso que xa acadou a súa sexta edición. As súas instalacións sitúanse na antiga Casa do Concello, un edificio de dúas plantas de 1950.

Ningún comentario:

Publicar un comentario