Detectada presenza de larvas de mosquito tigre no concello do Porriño
A Xunta informou ao Concello, que se incorporará ao comité técnico para o control deste vector
A identificación realizouse nos labores de seguimento da Rede Galega de Vixilancia de Vectores (ReGaViVec) nos concellos circundantes á área de distribución coñecida do mosquito tigre na comunidade galega
Infogauda / O Porriño
A Xunta, a través da Rede Galega de Vixilancia de Vectores (ReGaViVec), da que tamén forman parte as universidades de Vigo e de Santiago de Compostela, detectou a presenza de larvas de mosquito tigre no concello do Porriño.
Nos labores de seguimento en concellos circundantes á área de distribución coñecida do mosquito tigre na comunidade galega detectouse a presenza de larvas deste mosquito na zona de A Relva no municipio do Porriño.
Ao ser detectada en estadio larvario, todo parece indicar que a súa poboación está introducida. Desde a ReGaViVec, e en colaboración co Concello, farase vixilancia deste vector, e avaliarase a necesidade de ampliar a observación colocando novas trampas.
O Concello do Porriño sumarase agora aos de Moaña, Vigo, Cangas, Vilaboa e Redondela como integrante do comité técnico do mosquito tigre, que previsiblemente se volverá reunir na segunda quincena de novembro.
Desde a Consellería de Sanidade agradécese a participación veciñal seguindo os consellos para evitar a proliferación deste insecto, que é vector de enfermidades como os virus do dengue, chikungunya ou Zika, aínda que os exemplares localizados ata o de agora en Galicia non son portadores.
A Consellería de Sanidade lembra que a maneira máis efectiva de evitar esta proliferación é impedir a posta de ovos e o crecemento das larvas con pautas sinxelas como eliminar puntos de auga estancada en bebedeiros, pratos baixo macetas, caldeiros á intemperie ou embarcacións co seu simple baleirado ou coa renovación da auga cada 4-5 días.
Lembrar que o departamento sanitario galego ten un acordo de colaboración co Consello Superior de Investigacións Científicas, na promoción da descarga da aplicación móbil Mosquito Alert coa que a cidadanía pode achegar fotografías para o seu estudo por parte dos especialistas en entomoloxía, quen confirmarán se se trata ou non de mosquito tigre ou doutra especie.
En canto á picadura, para evitala aconséllase o uso de repelentes específicos que se poden atopar nos listados de produtos autorizados polo Ministerio de Sanidade e pola Axencia Española do Medicamento, ademais de recomendar vestir con manga e pantalóns largos e calzado pechado ou colocar mosquiteiros en portas e ventás. As picaduras poden ser molestas e poden producir reaccións alérxicas de certa gravidade.
Ningún comentario:
Publicar un comentario