6 de nov. de 2024

CAMBADOS

Actos polo 25-N   

Abel Losada inicia con “regueifando pola Igualdade” no IES de Cambados a programación da Subdelegación do Goberno polo 25-N 

As regueifas continuarán a súa andaina polos institutos de Valladares (Vigo), Ponte Caldelas e Pintor Colmeiro (Silleda) 

O programa de actividades completarase coa exhibición en Vigo e Vilagarcía do documental ′Patriarcado, o organismo nocivo′ 

A Subdelegación estrea tamén unha liña de colaboración con clubs deportivos que iníciase este ano co baloncesto de base 

O alumnado do mestrado de Publicidade da UVigo protagonizará o acto institucional polo Día Internacional da Eliminación das Violencias contra as Mulleres 


O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, presentou esta mañá no IES Ramón Cabanillas, de Cambados, unha nova edición da iniciativa ′Regueifas pola Igualdade

Foto: S. de G.

Infogauda / Cambados

 O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, presentou esta mañá no IES Ramón Cabanillas, de Cambados, unha nova edición da iniciativa ′Regueifas pola Igualdade′, promovida pola Unidade de Violencia sobre a muller da Subdelegación do Goberno e dirixida a escolares da provincia. Esta acción enmárcase no programa de actividades polo 25N, Día Internacional da Eliminación das Violencias contra as Mulleres.  

 Ao acto asistiron, ademais do subdelegado, a xefa da Unidade de Violencia sobre as Mulleres da Subdelegación, María José Rodríguez; o xefe territorial da Consellería de Educación, César Augusto Pérez; a directora do IES, Lorena Amarelle, e a secretaria do centro, Carmen Mouriño. Unha trintena de alumnos e alumnas gozaron desta actividade, impartida pola artista Lupe Blanco, e aprenderon a regueifar con letras nas que se enxalza o compromiso pola Igualdade plena entre mulleres e homes e o rexeitamento activo de calquera xeito de violencia de xénero. 

 A actividade, que ten por obxecto concienciar á mocidade na loita contra a violencia de xénero e promover a igualdade, levarase a cabo noutros tres institutos da provincia -no IES Valadares de Vigo, o 20 de novembro; no IES Pontecaldelas, o 25 de novembro; e no IES Pintor Colmeiro, de Silleda, o 28 de novembro- nos que se desenvolverán diferentes obradoiros para promover entre os escolares a reflexión sobre diferentes temas relacionados coas violencias machistas.  

 Nun momento no que proliferan os discursos que negan a existencia das violencias machistas, este tipo de iniciativas son importantísimas para concienciar e sensibilizar á mocidade, que son e deben ser axentes activos e fundamentais do cambio”, salientou o subdelegado, que explicou que “o éxito desta actividade ten moito que ver co feito de que a regueifa encaixa moi ben co tipo de música que hoxe escoita a mocidade, ao tempo que ofrece os recursos da lingua galega, a nosa lingua, para divulgar ideas e conceptos relacionados coa loita permanente contra a violencia machista e a prol da igualdade plena entre mulleres e homes”. 

 O programa de actividades da Subdelegación co gallo do 25N complétase coa exhibición do documental ′Patriarcado, o organismo nocivo′ nas cidades de Vigo e Vilagarcía de Arousa. O documental, dirixido por Teresa Soler e Albert Sanfeliu e que contou con cinco candidaturas aos Premios Goya na pasada edición, proxectarase no Auditorio Municipal de Vigo o 13 de novembro ás 20h, e en Vilagarcía o día 14 ás 19.30h.  

 Por outra banda, a Subdelegación inicia tamén, promovida dende a súa Unidade de Violencia sobre a Muller, unha nova campaña baseada na colaboración cos clubs deportivos e que este ano vaise centrar nas categorías benxamín e infantil co reparto de balóns de minibasket entre os clubs da provincia cun lema que invita a facer un “Un mate á Violencia Machista”. Os balóns serán distribuídos durante a fin de semana previa ao 25-N. 

 Finalmente, o luns 25 de novembro levarase a cabo a lectura da declaración institucional do Goberno, á que asistirá alumnado do mestrado de Publicidade da Facultade de Comunicación da Universidade de Vigo, que está elaborando unha campaña de comunicación por encargo da Subdelegación do Goberno no marco dun programa de Aprendizaxe-Servizo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario