22 de out. de 2024

TOMIÑO

Música e humor para reflexionar sobre o cambio climático, con Culturactiva en Tomiño  

 O auditorio de Goián volve acoller este sábado 26 teatro para público adulto ás 21.00 h coa representación de ‘Cabaré Climático’. Entradas á venda unha hora antes do espectáculo 

 



Infogauda / Tomiño

 O teatro para público adulto volve un sábado máis a Tomiño para facernos rir e reflexionar. Este sábado, 26 de outubro, Culturactiva subirá ao escenario do auditorio municipal de Goián co seu ‘Cabaré climático’, un espectáculo atrevido e reflexivo que sitúa ao público nun futuro onde o cambio climático non só é unha realidade evidente, senón que afecta a algo tan persoal como as relacións persoais ou mesmo ao carácter. 

 A cita será ás 21.00 horas e as entradas para acudir ao espectáculo terán un prezo de 5 euros por persoa. As persoas interesadas poderán mercar as súas entradas de forma presencial no despacho de billetes do propio auditorio municipal de Goián dende unha hora antes do inicio da obra. 

 Coa idea de que o único que freará o cambio climático é un “cambio”, Culturactiva promete con este cabaré música en directo e moitas risas para poñer enriba da mesa preguntas sobre as repercusións que terá nun futuro non tan afastado. Risos e cancións para abordar un tema moi serio dun xeito único e divertido.   

 A alcaldesa, Sandra González, anima a toda a veciñanza tomiñesa a acudir ao auditorio municipal nesta nova sesión de teatro para público adulto para desfrutar “dun espectáculo adiantado ao seu tempo, cun ton irreverente que nos fará rir e, á vez, que nos convidará a pensar”. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario