60 afeccionadas e afeccionados ao ciclismo exploraron as potencialidades de Vila Nova de Cerveira e Tomiño
• Participaron no I BTT Transibérico da Eurocidade
Infogauda / Tomiño
Nin a intensa chuvia caída durante a xornada disuadiu aos preto de 60 participantes do I BTT Transibérico Cerveira-Tomiño que se celebrou o pasado sábado nos municipios que conforman a Eurocidade. A experiencia de descubrimento sobre as dúas rodas das potencialidades turísticas e dos recursos endóxenos destes concellos veciños foi moi ben acollida polo público, garantindo a realización dunha segunda edición en 2025.
Pedalear entre fronteiras pola paisaxe, o patrimonio e os produtos locais da Eurocidade Cerveira e Tomiño. Estas foron as tres áreas exploradas polas e polos ciclistas portugueses e españois ao longo dos 60 quilómetros do percorrido longo ou dos 35 km do curto, variando entre os 4 e os 484 metros de altitude.
Un novo desafío transfronteirizo que se converteu nunha xornada deportiva non competitiva e nunha experiencia de coñecemento por diversos puntos de interese de Cerveira e Tomiño, como o Alto de S. Paio, opunto máis alto do percorrido; a Serra da Gávea; o Forte de Lovelhe; os muíños de Tomiño ao seu paso por Forcadela, Vilameán ou Cristelos; a ponte romana do Hospital; a capela da Milagrosa; a igrexa de Vilameán; o castelo de Tebra; o santuario de San Campio; os cítricos das Rías Baixas ou as plantacións de kiwis.
Para complementar esta viaxe en BTT, un dos elementos diferenzadores foi a degustación dalgúns produtos locais, entrando en contacto con algunhas e algúns comerciantes e emprendedores de ambos os dous lados da fronteira, como a repostaría de Cerveira ou os viñedos do Alto de Torona, en Tomiño.
A participación e a grande acollida do público confirman o acerto da aposta por este novo proxecto estritamente ligado á sustentabilidade ambiental e ao deporte, dous dos conceptos destacados para o desenvolvemento de proxectos comúns entre Cerveira e Tomiño, polo que se prevé a realización dunha segunda edición en 2025 do BTT Transibérico, atraendo a máis afeccionados ao ciclismo asociado ao turismo.
Promovido polos concellos que forman a Eurocidade Cerveira-Tomiño, en colaboración coas entidades cerveirense Pedal’Arte e a tomiñesa Colibrí ACDR, o BTT Transibérico 2024 enmárcase na operación 0177_Eurocidade_CT_ADAPT_1_P, cofinanciada nun 75% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), a través da convocatoria INTERREG VA POCTEP.
Ningún comentario:
Publicar un comentario