O Concello activa a Mesa da Saúde para impulsar o benestar e a calidade de vida da veciñanza
O Rosal crea un espazo intersectorial ao abeiro da estratexia de promoción da saúde e prevención de enfermidades
A saúde mental na infancia, deterioro cognitivo e o alto número de persoas con dependencia no municipio, primeiros temas abordados
Infogauda / O Rosal
O Rosal continúa a dar pasos adiante na promoción da saúde da súa veciñanza. O Concello vén de poñer en marcha a súa Mesa de Saúde, un espazo intersectorial que nace como instrumento de colaboración entre sectores para impulsar o benestar e a calidade de vida de toda a veciñanza rosaleira, gañando anos de vida en boa saúde e libre de discapacidade. Esta mesa creouse ao abeiro da Estratexia de promoción da saúde e prevención de enfermidades tras a adhesión do Concello á Rede Española de Cidades Saudables (RECS), un programa da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) coordinado co Ministerio de Sanidade.
“A saúde é un compromiso de todas e todos e debemos traballar da man coas entidades sociais e sanitarias locais para actuar de maneira integral sobre aqueles aspectos que máis afectan á nosa poboación. Queremos que o benestar se converta nun alicerce fundamental en todas as nosas políticas”, sinalou a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.
A Mesa de Saúde vén de reunirse por primeira vez e contou coa participación da propia rexedora e de representantes do Concello, así como do Centro de Saúde rosaleiro; do Centro de Día Mirador do Val; do CPI Manuel Suárez Marquier; e da Asociación de Persoas Maiores do Rosal. Ademais de tratar a importancia da adhesión do Concello a esta estratexia estatal de promoción da saúde, presentáronse varias propostas e abordáronse as principais preocupacións en materia de saúde para os diferentes colectivos do municipio, como a atención á saúde mental na infancia, o consumo de alcol entre a mocidade, o aumento do deterioro cognitivo entre a poboación de maior idade ou o alto número de persoas con dependencia no Rosal.
Durante o encontro, as persoas integrantes da Mesa de Saúde puxeron de relevo o grande éxito das actividades postas en marcha no Rosal para a promoción da saúde e do patrimonio natural, histórico e cultural como base do benestar e da calidade de vida da veciñanza. Así o ratifica a grande afluencia de persoas a actividades como as andainas saudables tanto promovidas pola Asociación de Maiores do Rosal como polo Sergas, así como as andainas interpretativas postas en marcha polo Concello ou accións como as rutas guiadas da ‘Lingua das aves’.
A rexedora destacou o interese do Concello “porque todas as persoas, dende a cativada ata os nosos maiores, sintan que a súa saúde e benestar son unha prioridade. Cada achega feita nesta mesa reflicte as necesidades reais da nosa veciñanza e o noso obxectivo é traballar para que O Rosal sexa un lugar no que se viva ben e con saúde”.
O Concello do Rosal adheriuse este 2024 á Rede Española de Cidades Saudables (RECS), una entidade que aglutina a máis de 500 cidades e medianos e pequenos municipios e un total de 25 millóns de habitantes, máis do 50% da poboación española. O seu obxectivo é traballar de forma conxunta en materia de promoción e protección da saúde, consolidando unha rede de colaboración intersectorial e interinstitucional, un bo punto de partida co que o Goberno municipal do Rosal busca seguir construíndo unha vila comprometida co benestar social.
Ningún comentario:
Publicar un comentario