Os ‘Cafés en Igualdade’ regresan aos barrios con temas de actualidade sobre a mesa
• O Concello organiza tres novos encontros deste programa que busca crear un espazo de encontro e reunión para familias
• A educadora social Angelina Gándara inaugurará este novo ciclo cunha charla sobre a carga mental, unha cuestión de xénero
Infogauda / O Rosal
O Rosal quenta motores para un novo ciclo dos seus ‘Cafés en Igualdade’ nos barrios. O Concello retoma con forzas renovadas e novos temas de debate estes encontros que buscan crear un espazo de reunión para familias no que conversar dun xeito cómodo e distendido sobre temas de interese ao tempo que se promove a conciliación familiar, laboral e persoal.
Como salienta a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, con esta iniciativa que leva anos xa en marcha “queremos que todas as familias teñan un lugar onde poder falar sen tabús e con respecto sobre temas de actualidade que nos afectan a diario. É unha oportunidade única de reflexionar, aprender e apoiar a construción dun Rosal máis igualitario e consciente”.
Angelina Gándara, educadora social e responsable de AGA Formación, será a encargada de inaugurar esta nova etapa dos ‘Cafés en Igualdade’ o vindeiro xoves 24 de outubro. Será cunha charla na Liga de Amigos, na praza do Calvario, no que abordará un tema clave, a carga mental, un problema a miúdo invisibilizado que afecta de forma desigual ás mulleres.
O xoves 28 de novembro será a quenda de Rosalía Campos, psicóloga de Adamia Psicoloxía, que falará no restaurante As Brasas sobre as relacións tóxicas e a dependencia emocional, un tema delicado que afecta non só ás relacións de parella, senón tamén a outros ámbitos da vida social, familiar e persoal. O ciclo rematará o 19 de decembro no bar bocatería Fénix, onde a psicóloga Fátima Rodríguez Marcos, de Talentea, ensinará a saber dicir que non e a poñer límites, unha habilitade fundamental para o benestar emocional das persoas.
Todas as sesión celebraranse de 17.30 a 18.30 horas e serán de balde. O proxecto conta co financiamento do Ministerio de Igualdade a través de fondos do Pacto de Estado contra a violencia de xénero 2023-2024.
Ningún comentario:
Publicar un comentario