1 de out. de 2024

O ROSAL

O 4 de marzo e o 18 de xullo, festivos locais no Rosal no vindeiro 2025  

 O Concello aprobará as datas no pleno que se celebrará este xoves 3 de outubro ás 20.30 horas  

 O Goberno municipal tamén dará luz verde á adhesión do Concello á Estratexia de Promoción da Saúde, unha iniciativa do Ministerio de Sanidade  


Foto: C.O.R.


Infogauda / O Rosal 

 O 4 de marzo e o 18 de xullo de 2025 serán festivos locais no Rosal. Esta é a proposta que se aprobará na sesión do pleno municipal que se celebrará este xoves 3 de outubro ás 20.30 horas na Casa Consistorial, na que se abordarán entre outros temas os días festivos propios que o Concello ten dereito a marcar cada ano. 

 Deste xeito, como xa é tradición, o martes de Entroido, que o vindeiro ano coincide co 4 de marzo, volverá marcarse en vermello no calendario local de rosaleiros e rosaleiras. Por outro lado, o Goberno municipal tamén declarará festivo o venres 18 de xullo, coincidindo coa festividade de Santa Maríña, que non se celebrara como festivo dende o ano 2014. 

 Por outra banda, o Goberno municipal tamén dará luz verde no pleno á adhesión do Concello do Rosal á Estratexia da Saúde e Prevención no Sistema Nacional de Saúde (SNS), unha iniciativa do Ministerio de Sanidade que busca a promoción da saúde e o fomento da prevención para gañar anos de vida en boas condicións e libre de discapacidade. Esta estratexia supón o desenvolvemento progresivo de intervencións coas que previr enfermidades e lesións, actuando de xeito integral durante todo o curso da vida sobre factores como a actividade física, a alimentación, o tabaco, o alcol e o benestar emocional.  

 Entre as primeiras accións que se porán en marcha tras a adhesión no Rosal estará tecer unha rede de colaboración cos recursos sanitarios ou non dispoñibles na contorna para promover estilos de vida saudables, facilitar información á veciñanza para que poidan desenvolvelos ou crear plans de seguimento para mellorar a saúde da poboación maior de 70 anos.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario