11 de out. de 2024

NIGRÁN

A Xunta de Galicia inviste 5 M€ na construción do centro de investigación avanzada eMobility de Borgwarner, en Nigrán 

 O centro estará rematado a finais de 2025 e disporá dunha superficie de 4.000m² para investigación en tecnoloxías avanzadas para vehículo eléctrico


O conselleiro de Ciencia visitou o estado das obras da compañía 
Foto: X.G. 


Infogauda / Nigrán

 O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, visitou hoxe en Nigrán as obras de construción do futuro Centro de Investigación Avanzada eMobility de BorgWarner, apoiado economicamente pola Xunta de Galicia. O centro, que ten que estar rematado a finais de 2025, prevé un investimento inicial de 12 millóns de euros, destinados á adquisición dos terreos e a construción, dos que a Xunta de Galicia achega 5 millóns, aos que se suma un investimento adicional de ao redor de 7,2 M€ para dotación de equipamento.  

 Este centro está enfocado á investigación de tecnoloxías avanzadas para a mobilidade do futuro e representa unha infraestrutura clave para o grupo. Contará con 4.000 m² de oficinas, laboratorios e outras instalacións científicas e suporá a contratación de 30 profesionais altamente cualificados. Ademais, prevese como un centro aberto á colaboración con entidades como centros tecnolóxicos, universidades e empresas.  

 O titular de Ciencia destacou a relevancia desta infraestrutura para o desenvolvemento de solucións tecnolóxicas innovadoras en electrónica e xestión térmica adaptadas á mobilidade eléctrica, que permitirán á compañía incrementar o seu coñecemento en novas áreas tecnolóxicas e o seu persoal investigador, que tamén poderían ser extensibles a outros sectores.

Proxectos de I+D+i 

 Román Rodríguez visitou tamén unha das sedes do Centro Técnico de España de BorgWarner, onde a compañía está a executar outros proxectos de I+D+i apoiados tamén pola Xunta de Galicia, como o proxecto eFabis orientado a desenvolver novos procesos produtivos e as súas tecnoloxías clave da Industria 4.0, para a xeración dun novo modelo estratéxico empresarial, baseado na sustentabilidade e na dixitalización, capaz de dar resposta aos retos de mobilidade eléctrica e conectada.  

 Por último, o conselleiro lembrou a importancia da colaboración público-privada en I+D+i para abordar grandes proxectos tractores. Precisamente, BorgWarner participou en tres unidades mixtas de investigación, o instrumento da Xunta para apoiar alianzas entre organismos de investigación e empresas para desenvolver grandes proxectos de I+D+i, xunto ao Centro Tecnolóxico da Automoción (CTAG), que abriron o camiño da compañía cara a hibridación e a electrificación dos automóbiles, mediante a capacitación e investigación en electrónica avanzada.  

 O futuro Centro de Investigación Avanzada eMobility é un dos dous centros de investigación empresarial apoiados pola Xunta de Galicia, xunto ao de Mestrelab Research en Santiago de Compostela, para complementar a oferta tecnolóxica do ecosistema de I+D+i de Galicia, en liña coas prioridades da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3) e seguir reforzando a I+D empresarial galega, dando continuidade a outros programas como Unidades mixtas de investigación.

Ningún comentario:

Publicar un comentario