O Concello de A Guarda entregará os Premios de Educación 2023/24 o vindeiro 15 de novembro
• A segunda das entregas dos diplomas aos alumnos de Bacharelato e Ciclos Formativos Medios e Superiores, está pendente de data, o máis seguro que sexa durante o Nadal
Infogauda / A Guarda
Un ano máis dende o Concello da Guarda celebrarase a cerimonia de premios ao estudantado máis laureado no ámbito educativo no curso 2023-2024, tanto por expediente académico como por esforzo persoal.
As bases xa están na web e na sede electrónica do Concello da Guarda e poden optar a eles alumnos dos seis centros educativos da vila: o CEIP A Sangriña, o CEIP Rodríguez Sinde, CEIP As Solanas – Nicolás Gutiérrez Campo, o IES A Sangriña, o Colexio PP. Somascos – Fundación Educere e o Colexio Plurilingüe San Xosé, de A Guarda.
O primeiro dos actos terá lugar o venres 15 de novembro para o alumnado de Educación Primaria e Secundaria, no Salón de Plenos da Casa dos Alonso no Concello da Guarda. Será un evento público ao que desde a institución municipal convidan a toda a cidadanía a estar presente e poñer en valor o esforzo e talento da mocidade da nosa vila no ámbito educativo e académico.
A segunda das entregas dos diplomas aos alumnos de Bacharelato e Ciclos Formativos Medios e Superiores, está pendente de data, o máis seguro que sexa durante o Nadal como na pasada convocatoria, ao atoparse estes alumnos na vila guardesa desfrutando as súas vacacións, e non atoparse con seguridade a maioría deles na primeira data.
Serán agasallados por parte do Concello da Guarda un total de 28 estudantes:
- 2 premios destinaranse ao alumnado de Ciclo Superior.
- 3 para o alumnado de Ciclos Medios.
- 5 premios para o alumnado de 2º Bacharelato.
- 8 premios para os estudantes de 4º ESO: 4 serán do IES A Sangriña, 2 do Colexio PP. Somascos – Fundación Educere, e 2 do Colexio Plurilingüe San Xosé, de A Guarda.
- E 10 premios para o alumnado de 6º de Primaria dos cinco centros da vila: 2 premios para cada centro
Ningún comentario:
Publicar un comentario