23 de out. de 2024

A GUARDA

Carrero, sen peso en Santiago: só 50.000 euros para A Guarda en 2025  

O pasado 21 de outubro, o delegado territorial Agustín Reguera, durante unha visita institucional á nosa localidade, anunciaba que a Xunta de Galicia asignará 16,5 millóns de euros á comarca do Baixo Miño dentro dos orzamentos de 2025.  

Porén, deses 16,5 millóns, A Guarda só recibirá unha partida de 50.000 euros, destinada ao proxecto do “Novo vial de acceso ao porto”. É irónico que a imaxe que acompaña esta nova fora tomada na Guarda, un dos concellos que menos recursos recibirá en 2025 por parte deste ente autonómico.  


De esq. á der.: Lucía Trigo González, Fátima Rodríguez Marcos e Rafael Álvarez Martínez, concelleiras e concelleiro do Grupo municipal do PSdeG-PSOE no Concello de A Guarda

Grupo municipal do PSdeG-PSOE / A Guarda

 O Grupo Parlamentario do PSdeG-PSOE fíxonos chegar a pasada fin de semana os orzamentos da Xunta para que puidésemos estudalos e presentar as nosas propostas de emenda. Segundo o documento, a única asignación para A Guarda será de 50.000 euros para o vial de acceso ao porto.  

 No último pleno ordinario de setembro, o Partido Socialista presentou unha moción para instar a Carrero a reactivar de forma urxente o proxecto da saída sur ao porto, que o alcalde tiña "esquecido nun caixón" dende a súa chegada ao cargo. A moción foi aprobada por unanimidade, polo que Carrero tiña que "poñerse as pilas" e comezar a "petar portas" tanto na Xunta como na Deputación para conseguir o financiamento necesario para levar a cabo a obra.  

 A parte máis complicada do proxecto, que consistía en lograr que a Deputación redactase o proxecto e obter todas as autorizacións sectoriais favorables, xa fora completada polos/as socialistas. Agora, ao actual equipo de goberno só lles resta conseguir os fondos para executar a obra.  

 De momento, parece que a "recolecta de cartos" non vai demasiado ben, xa que só contamos con eses 50.000 euros da Xunta, unha cantidade insignificante tendo en conta que o custo total da obra ascende a máis de 1.700.000 euros.   

 Está claro que Carrero é un alcalde ineficaz para xestionar o Concello no día a día, pero tamén demostra ser incapaz de atraer investimento para a nosa localidade, nin sequera cando o seu propio partido goberna na Xunta.  

 En resumo, con Carrero na Alcaldía e o PP na Xunta, o futuro que nos agarda nos próximos tres anos pinta moi, pero que moi negro.  

 Na Guarda, a 23 de outubro de 2024 

Ningún comentario:

Publicar un comentario