23 de out. de 2024

A GUARDA

A Guarda arranca a programación teatral deste outono cunha obra infantil   

 Este sábado 26 de outubro de 2024, a partir das 18:00 horas, no Centro Cultural




Infogauda / A Guarda

 Este sábado 26 de outubro de 2024, a partir das 18:00 horas, no Centro Cultural, a compañía de teatro O Baúl da Tía Tola presenta o espectáculo “Lixo”, pensado para o público familiar, especialmente para os máis cativos  (a partir de 2 anos).  

 Sempre a correr chegan Plié e Relevé ó teatro para mostrar a “Gran Coreografía”. O público xa está preparado, elas colocan os tutús, comproban a maquillaxe, a música comeza, pero..., a escenografía non está! En troques atopan unha montaña de plásticos... Plié e Relevé somerxense neste mar de lixo descubrindo novos xogos e creando mundos extraordinarios.  

 Ademais da diversión coas luces e os pasos de baile das protagonistas, “Lixo” quere facernos ver, dunha maneira divertida, os problemas que poden xurdir debidos ao exceso de plástico que empregamos e o mal uso que facemos del.

“Este outono ven ao teatro”

  O Concello de A Guarda vén de presentar o programa “Este outono ven ao teatro” co que tenta achegar esta arte a todos os públicos guardeses.  

 O Centro Cultural acollerá ata catro obras nun mes: dúas para un público familiar e dúas para un público adulto. 

 Como xa indicamos, este sábado arranca a programación coa obra infantil “Lixo” no Centro Cultural ás 18:00 horas.  

 A seguinte obra será “Cortello de amor” da Compañía Amorodio Teatro, unha comedia galega para un público xuvenil e adulto, o día 8 de novembro. 

 O 16 de novembro, será cando os mais novos desfruten con “A teteira de Kabul”, unha obra de monicreques que ten como tema central a paz.  

 Para rematar a programación teatral de outono,  o 29 de novembroa compañía Ibuprofeno Teatro porá en escea a obra “Deadpan Karaoke”, un espectáculo participativo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario