23 de set. de 2024

A GUARDA

CENTOS DE ROMEIROS VENERARON A SANTA TREGA, AVOGADA DA CABEZA E DO CORAZON

  A ofrenda por efectuada polo vice-presidente da Câmara Municipal de Póvoa de Varzim, cidade irmandada con A Guarda


A imaxe de santa Trega, foi portada, como é tradaicional, por mulleres devotas da mártir de Iconio
Fotos: Infogauda


Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda

 Durante a xornada deste luns, 23 de setembro de 2024, tivo lugar na Guarda, a romaría agardada por todos. A de Santa Trega. A pesar de que moitas persoas traballan noutros municipios da área metropolitana de Vigo, foi celebrada con toda solemnidade, no cume do monte sacro que leva o nome desta santa natural de Iconio. 

 Desde fai uns cantos anos, cada 23 de setembro é un día especial para a maioría dos guardeses. A razón é suficientemente poderosa, porque nesa efeméride, a poboación da Guarda, seguindo a convocatoria da multisecular Irmandade do Clamor, envórcase na celebración de Santa Trega, patroa do antigo Concejo da Foz do Miño, que comprendía as sete parroquias que tiña A Guarda e que tra-la segregación do Rosal e constituirse como novo concello, tres corresponden á Guarda e catro ao Rosal. 

 Desde as primeiras horas da mañá - mesmo antes de abri-lo día -, moitas persoas de toda a comarca do Baixo Miño, especialmente da Guarda e do Rosal, achegáronse ata o santuario dedicado á discípula de san Paulo, primeira mártir do cristianismo e avogada da cabeza e do corazón, para rezar e efectuar ofrendas florais nos vía crucis e posteriormente asistir ás tres misas rezadas que se celebraron sucesivamente, ás 8, 9 e 10 da mañá.  

 Como é costume, a eucaristía máis concorrida, seguida por numerosos fieis, ata no exterior da ermida, foi a solemne que deu comezo ás 11:30 horas, presidida polo párroco de Santa María de A Guarda, Juan José González Estévez, e concelebrada polos sacerdotes P. Luis López e P. Vidal, da congregación dos PP. Somacos; e Avelino Vaquero, párroco de san Lorenzo de Salcidos.  


O alcalde de A Guarda, Roberto José Álvarez Carrero, con Luis Diamantino Carvalho Batista, vice-presidente da Câmara Municipal de Póvoa de Varzim

O grupo de gaitas do Club de Pensionistas de A Guarda durante á procesión

 Ademais da presenza do alcalde de A Guarda, Alberto José Álvarez Carrero e membros do goberno municipal; tamén participou Luís Diamantino Carvalho Batista, vice-presidente da Câmara Municipal de Póvoa de Varzim - que este ano efectuou a ofrenda a santa Trega -; e outras  representacións das sete parroquias do antigo Concello da Foz do Miño: Santa María da Guarda, san Lorenzo de Salcidos, santa Isabel de Camposancos, santa Mariña do Rosal, san Miguel e san Xoán de Tabagón, e san Bartolomeu das Eiras.

 Na súa ofrenda, o vice-presidente da Câmara Municipal de Póvoa de Varzim referiu "(...) os vencellos de devoción a santa Trega, que profesan os pescadores poveiros, así como súa relación coa poboación de A Guarda, de tal xeito, que as marcas dos pescadores poveiros quedaron gravadas na antiga porta da ermida de santa Trega - así como noutros lugares próximos ao santuario -, como queda de manifesto no monumento erixido na atrio da devandita ermida. Desa relación entre poveiros e guardeses, mesmo xurdiron relacións sociais como o acreditan varias familias, tanto de Póvoa de Varzim como de A Guarda.

 Hai pois, desde tempos moi antigos, na comunidade de pescadores poveiros unha devoción a santa Trega, como haina tamén na comunidade pescadora de A Guarda. Todo iso, entre entras razóns, motivou o acordo de irmandamento entre A Guarda e Póvoa de Varzim (...)".

  O termo da misa grande, varias mulleres devotas, algunhas delas ata, cos pés descalzos, sacaron en procesión a venerada imaxe de santa Trega, que acompañada por diversas autoridades e varias decenas de persoas, mesmo nenos e mozos, ataviados con traxes rexionais, provistos das súas respectivas ofrendas en especie; foi portada en andas, ao compás das notas musicais do Grupo de Gaitas do Club da Terceira Idade, de A Guarda, dirixido por Eduardo Rodríguez Sobrino.  

 Como anunciou o párroco Juan José González, a procesión tivo un itinerario a inversa dos anos precedentes, de tal xeito que partindo da ermida,  subiuse ao pé do pico de san Francisco, e a continuación baixouse en dirección ao pico do Facho, pasando a continuación por diante do púlpito ao aire libre e retornando novamente á ermida. Así era, antigamente, segundo referíu o párroco de A Guarda. En calquer caso, dixo que se fose necesario, para o ano vindeiro, voltaríase a facer o percorrido como viña sendo costume.

 Antes de facer súa entrada no santuario, a imaxe de santa Trega, e mesmo no interior da ermida, cantáronse as ladaíñas medievais "Deus ouvide a nós. Santa Trega rogai a Deus por nós. Kyrieeleyson. Deus ouvide a nós" e os fieis que así o quixeron, puideron bicar os relicarios de santa Trega e do Lignum Crucis. 

 A continuación os nenos que portaron as ofrendas foron agasallados pola Irmandade do Clamor, con bolsas de caramelos. 


Monumental regueifa ou torta de santa Trega
Vista parcial do público que asistiu a poxa dos froitos


 Seguidamente iniciouse a concurridísima e sempre sorprendente "poxa dos froitos", que foi seguida por centos de persoas. Peixe "de coiro" curado ao sol, mariscos, froitas, hortalizas - maioritariamente ristras de cebolas, pementos,...- espigas "raíñas", tapetes, licores tradicionais galegos, sobremesas caseiras, tapetes,..., previamente ofrecidos á santa, seguindo a tradición diezmal, para ser pública e rápidamente poxados, nun evento que congregou a moitas persoas diante do púlpito ao aire libre. Nalgúns casos os prezos dos artigos puxados, en máis duns 70 lotes, resultaron moi ben valorados. A recadación destínase á Irmandade do Clamor, entidade eclesial que organiza os diversos actos e xubileos, que ao longo do ano celébranse na ermida do monte Santa Trega. 

NÚMERO PREMIADO NO SORTEO 

 Ao termo da poxa tamén foi sorteada a regueifa, ou torta de santa Trega, que adoita levar un grato regalo sorpresa para a persoa afortunada. O número premiado foi ó 0813.  

ROMARÍA TRADICIONAL 

 O carácter intimista e familiar desta romaría quedou de manifesto un ano máis, cando pouco despois dos actos litúrxicos iniciouse o "xantar", durante o cal cada familia foi dando conta das viandas preparadas na véspera ou na mesma mañá da romaría, gozando da comida ao aire libre e ata convidando os que se sumaron á celebración de xeito imprevisto. A xente situouse onde estimou convinte, á sombra, no parque forestal de Cháns, nos miradoiros ou no Cancelón. 

 Logo de pasar a maior parte do día no cume do monte Santa Trega, os romeiros foron baixando co devalar da tarde para tomar posicións no parque do Cancelón (O Montiño), a disporse para a merecenda-cea e disfroitar de algún baile animado de xeito espontáneo por músicos populares de A Guarda. Ata fai poucos anos, a festa de santa Trega, que coincide coas témporas de setembro (que determinarán a climatoloxía dos próximos meses), era unha celebración na que participaban, case exclusivamente, mulleres do barrio da Marina, pero desde algo máis de tres décadas, foi incrementándose a participación dos homes, facendo que ese día constitúa unha data de encontro de toda a cidadanía do Baixo Miño, coa devoción a Santa Trega como aglutinante. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario