O INSTITUTO DE ESTUDOS MIÑORANS PREPARA UNHA SEMANA DAS LETRAS GALEGAS INZADA DE ACTOS
• Recitais, presentacións, charlas e mesmo unha lectura en grupo sucederanse dende o luns 13 até o xoves 16, sempre ás 20.00 na sede do IEM en Gondomar.
• As persoas protagonistas serán, á parte de Luísa Villalta, autora homenaxeada este ano no Día das Letras Galegas, Manuel López Rodríguez, Xina Vega, Elba Pedrosa, Fran Fernández Davila e Pedro Rodríguez Villar.
IEM / Gondomar
Os actos abriranse o luns 13 de maio ás 20.00 cun recital do poeta noiés Manuel López Rodríguez, unha das figuras máis destacadas e singulares da lírica galega actual que, nos últimos 4 anos, publicou 13 libros, os máis deles resultado da ducia e media de premios que gañou nese periodo, tales coma Johan Carballeira, o Avelina Valladares e o Eusebio Lorenzo Baleirón entre outros. A réplica daralla o autor local, Fran Fernández Davila, tamén gañador de múltiples premios, que, de entre outros, lerá textos dos seus tres poemarios publicados até a data.
O martes 14 ás 20.00 será a quenda da doutora en Filoloxía, tradutora e escritora viguesa Xina Vega, que, baixo o título "E eu mesma me vin mirar-me a min que me miraba". Luisa Villalta ou a extrema autoconciencia, ofrecerá unha charla arredor da figura homenaxeada nas letras galegas 2024, así como unha lectura de textos da súa última obra publicada: "Do teu perfil na miña sombra" (Galaxia, 2024). No evento, Vega será acompañada por Antonio Araújo.
O mércores 15, tamén ás 20:00, a xornalista, escritora, presentadora e actriz miñorá, Elba Pedrosa, presentará o seu último poemario DES A MAR ultrasónico. Elba Pedrosa, Santa Cruz de Tenerife, 1973, é tamén autora de O que non sabías, Xerais (2020), Agora que cala a noite, Aira (2023) e o mencionado poemario DES A MAR ultrasónico, Embora (2024) que representa este ano acompañada dos músicos Álvaro Iglesias e Xosé Liz. Neste caso estará acompañada do tamén escritor miñorán, Fran Fernández Davila, en representación do Grupo PUGA de Promoción do Uso do Galego do IEM.
A rolda de actos pecharase o xoves 16, tamén ás 20:00, coa intervención do grupo de teatro miñorán, Teatro do Ar, que fará unha lectura conxunta de O amor das pedras, libro gañador do Premio Nortear 2022, do que é autor o xornalista, dramaturgo e escritor Pedro Rodríguez Villar, de Panxón, tamén gañador de múltiples premios de poesía e narrativa e que está a piques de publicar unha nova novela con Xerais.
Todos os eventos terán lugar na Aula Ponte de Rosas, sede do Instituto de Estudos Miñoráns, en Gondomar, e son de acceso libre e gratuíto até completar aforo. O grupo PUGA do IEM pretende celebrar así con estes actos, encaixados no Ciclo Literario Miñorán, non só vida e obra das máis destacadas figuras da nosa literatura histórica e actual, senón tamén converterse no fogar de todas as escritoras e escritores vinculadas ao Val de Miñor, consagradas, incipientes ou de novo cuño, que teñan a ben escoller a nosa lingua como vehículo de expresión, dando pulo e ofrecendo acubillo as súas obras pasadas, presentes e futuras. Por mil primaveras máis.
Ningún comentario:
Publicar un comentario