O eurodeputado Nicolás González Casares visita ORPAGU e defende a sustentabilidade do palangre galego
• O candidato a eurodeputado do PSdeG-PSOE coñeceu as modernas instalacións de ORPAGU en Tui, apoiadas por fondos europeos e de recuperación.
Infogauda / Tui
O eurodeputado socialista galego Nicolás González Casares visitou hoxe as instalacións de ORPAGU en Tui, onde a Organización de Palangreiros Guardeses conta cunha moderna planta que cumpriu un ano e que ten capacidade para almacenar ata 3.000 toneladas nos seus sistemas de refrixeración, ofrecendo servizo á frota de palangre máis importante da UE. Foi recibido por Juana Parada Guinaldo, xerente da OPP (Organización de Produtores de Pesca).
González Casares destacou que esta planta "é un modelo da Economía Azul que defendemos os socialistas, unha industria que permite o procesamento e almacenamento intelixente das capturas da frota para a súa posterior comercialización, todo en territorio galego e con apoio europeo".
O eurodeputado sinalou que "unha visita a estas instalacións a pleno rendemento mostra a intensidade do traballo que realiza esta organización pesqueira".
O socialista defendeu que a planta, equipada coa tecnoloxía máis moderna e con espazos para a formación, ten a sustentabilidade como un dos seus principais factores a destacar, "pois é capaz de producir unha parte da súa propia enerxía e, ao mesmo tempo, é tremendamente eficiente cumprindo satisfactoriamente cos máis altos estándares de redución de emisións". Afirmou ademais que "a Comisión Europea ás veces insistiu en exceso na sustentabilidade, pero aquí teñen unha proba de que o sector pesqueiro galego cumpre".
González Casares asegurou que defenderá ao sector do palangre ante os retos da próxima lexislatura, "pois hai moitas ameazas para o mesmo por parte de sectores que non teñen en conta o aspecto social e económico desta actividade e non asumen que a pesca galega e europea xa cumpren cos maiores estándares de respecto aos océanos de todas as que existen, polo que na nosa proposta de reforma da Política Pesqueira Común as demandas do palangre están recollidas".
O eurodeputado lamentou que a Xunta deixase sen usar o 60% dos fondos do FEMP que lle correspondían no anterior período, provocando a perda de moitas oportunidades que agora paga toda a pesca galega. Contrapuxo que "en ORPAGU si que souberon aproveitar as oportunidades da UE, e esta planta, un investimento de primeiro nivel que crea decenas de empregos tamén en terra, foi beneficiada polo FEMP en primeira instancia e despois polos Fondos Next Generation, que o PP tratou de obstaculizar".
Ningún comentario:
Publicar un comentario