BALONMÁN FEMININO
O Mecalia Atlético Guardés busca facer realidade o seu soño copeiro en Illunbe
• O primeiro equipo afronta esta semana a súa onceava fase final da Copa da Raíña
• O Mecalia Atlético Guardés enfrontarase ao Super Amara Bera Bera en cuartos de final (venres, 20:30h)
• Ana Seabra: “Temos moitas ganas de gozar desta competición”
Redacción Deportes / A Guarda
O Mecalia Atlético Guardés regresa a un dos seus torneos favoritos: a fase final da Copa da Raíña. Este ano, no Donostia Arena, de Illunbe, onde se medirá ao anfitrión e vixente campión, o Super Amara Bera Bera (venres, 20:30 horas). No recordo, aquela semifinal de 2022 no que o conxunto do Baixo Miño eliminou ao equipo vasco no mesmo escenario. Nesta ocasión e por primeira vez tras seis duelos copeiros contra a escuadra donostiarra, o envite é en cuartos de final. Poderá verse en directo por RTVE Play.
Á 1:30 da madrugada, a expedición guardesa partiu en autobús cara a terras vascas. A previsión era que as xogadoras do Baixo Miño chegasen ao hotel ás 12:30 horas tras a viaxe nocturna. Despois de instalarse no aloxamento e comer, tiveron un adestramento vespertino ás 16:50 horas no Donostia Arena.
Será este venres cando o primeiro equipo encare a súa onceava participación na competición co obxectivo fundamental de “gozar”, tal e como explica a nova adestradora, Ana Seabra. Gozar e dedicar cada minuto do torneo ás persoas que senten as cores deste club, como avanza o lema da campaña miñota deste ano: “Esta vai por nós”.
A preparadora portuguesa conta con todo o persoal para afrontar a competición –agás Sandra Radovic, que deixou o equipo esta semana–, á que se suma a xuvenil Carmen Magallanes. Xunto ás xogadoras de División de Honra viaxan tamén as cadetes, que disputarán a Mini Copa.
En liga, o Mecalia Atlético Guardés caeu ante o Bera Bera (32-23) no partido da primeira volta disputado no Gasca, pero foi capaz de superalo (31-28) na segunda en casa. Toca ver que ocorre nesta eliminatoria copeira. En caso de gañar o seu partido de cuartos de final, o equipo do Baixo Miño volvería xogar o sábado ás 19:45 horas para medirse en semifinais ao gañador do Atticgo Balonmán Elxe-Costa do Sol Málaga.
Ana Seabra: “Temos moitas ganas de gozar desta competición”
Ana Seabra, que tomou as rendas do equipo esta mesma semana, afronta esta fase final de Copa con ganas, as mesmas que lle transmiten as propias xogadoras: “Temos moitas ganas de gozala, de gozala con competencia, de facer un bo partido”, afirma. “O equipo está a traballar ben, continuando co traballo que tiñamos”, engade. Con respecto ao rival en cuartos de final, o Super Amara Bera Bera, non esconde que enfrontarse ao vixente campión e anfitrión do torneo é todo un reto: “Sabemos que imos ter un opoñente que tamén ten ganas de gozala e de conquistar o primeiro posto. Sabemos tamén que temos moitas dificultades, como durante toda a tempada”, recoñece, ao mesmo tempo que fai fincapé no propósito de “aproveitar a oportunidade do momento con boas enerxías e gozando con todos, cos afeccionados e todas as persoas que van estar connosco, xa sexa en San Sebastián ou desde A Guarda”.
HORARIOS COPA DA RAÍÑA E MINICOPA
Primeiro equipo – Cuartos de final da Copa da Raíña:
Super Amara Bera Bera-Mecalia Atlético Guardés. Venres, 20:30 horas, Donostia Arena, de Illunbe. En directo por RTVE Play.
Equipo cadete – Minicopa (Grupo A):
Mecalia Atlético Guardés-Cavidel Aula Valladolid. Venres, 13:15 horas, Pavillón Municipal José Antonio Gasca.
Atticgo BM Elxe – Mecalia Atlético Guardés. Venres, 16:45 horas, Pavillón Municipal José Antonio Gasca.
Mecalia Atlético Guardés – KH-7 BM Granollers. Sábado, 13:45 horas, Pavillón Municipal José Antonio Gasca.
Os partidos da Minicopa poderase ver en directo pola canle de YouTube da Real Federación Española de Balonmán.
Ningún comentario:
Publicar un comentario