O BNG AFIRMA QUE O CONCELLO RENUNCIA Á CONSTRUCIÓN DA SENDA PEONIL CAMPOSANCOS - A GUARDA
Anxo Lois Baz Vicente (BNG):“É moi grave que o PP de Roberto Carrero renuncie a esta infraestrutura tan necesaria e demandada”
Infogauda / A Guarda
O BNG vén de facer público que “o goberno do PP da Guarda de Roberto [José Álvarez] Carrero acaba de renunciar a construción da senda peonil entre Camposancos e A Guarda. Esta actuación estaba incluída dentro do Plan de sostibilidade turística dotado cun 1.000.000 €. A partida económica prevista para esta obra permitiría cando menos iniciala e facilitaría forzar á Xunta de Galiza, titular da estrada PO-352, a rematala”.
Anxo Lois Baz Vicente, concelleiro portavoz do grupo municipal do BNG no Concello de A Guarda afirma que “a estrada PO-352 que une Camposancos e A Guarda representa un gran perigo para os viandantes e ciclistas. En moitas ocasións os peóns teñen que esquivar os coches botándose á maleza e outras, cando se atopan dous vehículos de fronte e un peón ou un ciclista, teñen que parar para evitar un accidente”.
O portavoz dos nacionalistas considera “moi grave que despois de anos nos que formalmente todos os grupos políticos con presencia na Corporación guardesa manifestaran o compromiso con esta infraestrutura cando chega a oportunidade de poder iniciala o goberno de Roberto Carrero renuncie a ela. Roberto Carrero, empeza a ensinarse realmente como o que é -destacou o nacionalista- un alcalde sen proxecto e sen dedicación, ademais dun alcalde que non cumpre coa palabra”.
Finalmente os nacionalistas tamén indicaron que “o BNG non se vai quedar parado diante de tamaño despropósito e anuncian unha ofensiva institucional e social para que a Xunta de Galiza aborde na súa totalidade a construción desta senda tan necesaria e demandada”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario