14 de maio de 2024

A GUARDA

ROBERTO JOSÉ ÁLVAREZ CARRERO GARANTE A CONSTRUCIÓN DA SENDA A GUARDA-CAMPOSANCOS NESTA LEXISLATURA CON “SOLUCIÓNS REAIS”, TRAS OITO ANOS SEN AVANCES POLA INCAPACIDADE DE PSOE E BNG 

O alcalde replícalles aos nacionalistas que o Concello “só descartou a ineficiente alternativa que deixou o anterior goberno, con 80.000 euros que non chegan nin para empezar”, e afirma que a senda “será unha realidade grazas ao noso traballo” 

Considera unha “tomadura de pelo” que o executivo de esquerdas pretendera construír unha senda sen cartos. Asemade, Álvarez Carrero recorda que xa tivo unha reunión coa anterior Conselleira de Infraestructuras, da  Xunta e anuncia que continúa en negociacións coa nova Conselleira, María Martínez Allegue, cunha reunión inminente, “para executar un proxecto serio, áxil e con orzamento” 


O alcalde do Concello de A Guarda, Roberto José Álvarez Carrero, e Óscar Alonso Álvarez, concelleiro de Facenda, Administración Local, Medio Ambiente e Biodiversidade e Xuventude
Foto: C.A.G.

Infogauda / A Guarda

 O alcalde do Concello de A Guarda, Roberto José Álvarez Carrero, garantíu na xornada de hoxe a construción da senda peonil e ciclista entre a localidade e Camposancos ao longo da estrada autonómica PO-352 na presente lexislatura municipal coa consecución de “solucións reais” para a súa execución e contrapuxo  “esta próxima actuación cos últimos oitos anos sen avances para esta infraestrutura do goberno local do PSOE co seu socio –ás veces oficial e outras de facto– do BNG”. 

 O rexedor lamentou que o partido nacionalista, “que é un dos responsables de que esta obra non estea feita tras dúas lexislaturas de cómplice e muleta do executivo socialista”, saia agora a mentir e terxiversar sobre unha actuación que se vai facer “malia que lle doa” e tamén se poña a esixila “cando debería agocharse, xa que as forzas de esquerda foron as que gobernaron A Guarda estes últimos anos e son as responsables desta situación por non acometer a obra nin conseguir que lla fixera a Xunta”. 

 Roberto José Álvarez Carrero puntualizou que o Concello non só non renunciou ao proxecto “senón que estamos traballando arreo e despregando toda a nosa capacidade de negociación para executalo canto antes” e puntualizou que simplemente se descartou “a ineficiente solución que deixou o anterior goberno local”, cunha partida de apenas 80.000 euros no marco do millón concedido para o Plan de Sustentabilidade Turística en Destino (PSTD). 

 “Hai que ser serio e non se pode arrancar un proxecto desa envergadura sen ter cartos nin para empezar, pero o BNG pode estar tranquilo porque a senda A Guarda-Camposancos vai ser unha realidade grazas ao traballo deste goberno local e poderán comprobalo de primeira man xa que estarán convidados á inauguración”, manifestou o alcalde. 

 O rexedor da Guarda considera que “esta situación e o rebumbio que están tentando armar os concelleiros do BNG” xurde dunha “tomadura de pelo” dos anteriores executivos de esquerdas, porque “pretendían facer unha obra sen cartos e logo optar, nas súas propias palabras, por forzar á Xunta ou emprender unha ofensiva pola obra, pero as cousas non se fan así e, ademais, estas solucións belicosas e baixo presións non adoitan ser nada eficientes, xa que esa política do Bloque de ir ás bravas nunca leva a ningures”. 

 Finalmente, Roberto José Álvarez Carrero quixo tranquilizar aos veciños, xa que esa senda tan necesaria entre A Guarda e Camposancos para mellorar a seguridade viaria da PO-352 e a imaxe da fachada marítima xa é obxecto dunha negociación coa Xunta, coa que haberá unha reunión inminente, “para executar un proxecto propio deste goberno local, é dicir, serio, áxil e con orzamento”

Ningún comentario:

Publicar un comentario