Castelao e Rosalía de Castro danse a man con sendas exposicións no Concello da Guarda, na semana das Letras Galegas
• A exposición O Herbario de Rosalía recala na Guarda ata o 24 de maio, acompañada dunha mostra das obras de Castelao
Infogauda / A Guarda
Con motivo da celebración das Letras Galegas, Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao e María Rosalía Rita de Castro e Abadía, persoeiros ilustres da literatura e cultura galegas, ocupan un espazo central no Concello de A Guarda, ocupando a planta baixa da Casa dos Alonso ata o vindeiro 24 de maio.
As dúas mostras, organizadas, a primeira polo propio Concello de A Guarda, e a segunda pola Casa de Rosalía e Deputación de Pontevedra, amosan diferentes perspectivas dos autores, pero coinciden en render homenaxe á súa figura como impulsores no uso e recoñecemento do galego como lingua, e das formas propias e particulares da cultura e sociedade galegas.
A exposición adicada a Castelao recolle unha escolma de publicacións, que fai un percorrido do persoeiro dende a súa importancia como Constructor de Nación (Ed. Galaxia, 2021 M.A. Seixas Seoane) amosando os exemplares de Sempre en Galiza e Alba de Groria, os seus comentarios ao Estatuto de Autonomía do 36, as publicacións en A Nosa Terra, e a recompilación das diversas obras que estudan a súa traxectoria tanto política como literaria. Amósase tamén unha escolma das publicacións que recollen a súa ampla obra gráfica, como debuxante, eses debuxos tan característicos que denuncian a realidade social das desigualdades, da emigración, das inxustizas de clase, da realidade rural galega: Galicia Mártir, Atila en Galicia e os diferentes números de Cousas. Sen esquecer a recompilación feita por el mesmo da idiosincrasia galega como cultura diferenciada da cultura castelá e centralista e mais vencellada as tradicións atlánticas como pode ser As Cruces de Pedra na Galiza e as Cruces de Pedra na Bretaña.
Herbario de Rosalía
A exposición adicada ao Herbario de Rosalía, pola súa parte recala na Guarda dentro da longa xira que está a realizar por todo o país dende que no 2022 se inaugurara no Real Xardín Botánico, de Madrid. Esta exposición parte dun traballo feito polas profesoras María López Sández e Isabel Fraga en 2019, con fotografías de Miguel Fraga. Non se trata dun herbario científico, senón dun literario, unha homenaxe á obra rosaliana e á unión da literatura coa natureza.
A exposición, patrocinada pola Deputación da Pontevedra, está dividida en cinco seccións: rosas, herbas do campo florido, herbiñas do camposanto, árbores e outras flores, plantas e especies comestibles. Cada unha destas seccións vai acompañada dun panel explicativo no que se desenvolve a importancia desa serie na obra de Rosalía, así como, en xeral, o nexo entre literatura e natureza. Acompañado dun vídeo co recitado profesional dos versos de Rosalía e a proxección da totalidade dos pregos.
En palabras das profesoras López Sández e Fraga Vila “trátase dunha ofrenda á autora á que tanto debemos, que nos ensinou a mirar a paisaxe galega doutra maneira, para que poida incorporarse ao discurso museístico e estea a disposición de todas aquelas persoas que se acheguen á Casa Museo”, afirmaron.
As exposicións poderán visitarse dende o día de hoxe ata o 24 de maio no caso do Herbario de Rosalía, e o 30 de maio no caso da exposición de Castelao.
Mostra de autores locais
Aproveitando ambas mostras e a efeméride das Letras Galegas, o mesmo espazo acollerá dende o día 19 de maio ata o 30 deste mes, unha mostra con selección dalgúns dos autores locais como son Xosé Carlos Gómez Alfaro, Chuny Vázquez Vicente ou Generoso Álvarez Seoane.
Ningún comentario:
Publicar un comentario