24 de abr. de 2024

TOMIÑO

Observar e colaborar para adaptarse ao alumnado do s. XXI  

 O CEIP Pintor Antonio Fernández, de Goián, participa no programa Observa-Acción, un proxecto co que coñecer experiencias innovadoras e reflexionar sobre a práctica docente para seguir mellorando 

 

O CEIP Pintor Antonio Fernández participa no Programa Observa-Acción da Xunta de Galicia
Foto: C. T.

Infogauda / Tomiño  

 A inquedanza por adaptar as metodoloxías educativas ao alumnado do século XXI e á súa forma de aprender é un dos sinais de identidade do CEIP Pintor Antonio Fernández, de Goián. Por iso, o centro educativo participa no Programa Observa-Acción da Xunta de Galicia, unha iniciativa a través da que fomentar a observación e reflexión de profesionais de dentro da escola e doutros centros para coñecer experiencias metodolóxicas innovadoras coas que reflexionar sobre a práctica docente. 

 O centro educativo tomiñés continúa así o camiño iniciado xa no curso pasado coa visita a escolas da comarca e participa emparellado co CEIP Enrique Barreiro de Cambados nun proxecto co que fomentar o desenvolvemento nas Competencias Profesionais Docentes para a cooperación colaboración, para a construción conxunta de coñecemento e o liderado e xestión de centros a través do intercambio de boas prácticas e a observación entre iguais. Como sinala unha das participantes, Lucía Lomba, “involucrase nesta iniciativa conxuga tres aspectos fundamentais: momentos de convivencia, reflexión sobre a práctica docente e a vivencia doutras realidades educativas”.  

 O CEIP Pintor Antonio Fernández arrancou con esta iniciativa no mes de novembro, no que durante dúas semanas fixeron un seguimento da práctica docente dos seus compañeiros e compañeiras no propio centro e realizaron observacións focalizadas en educación infantil e no Departamento de Orientación.  

 E tras mirar cara a dentro, o centro comezou a colaborar co colexio de Cambados o pasado mes de marzo, no que fixeron unha visita ao CEIP Enrique Barreiro para observar a dinámica de educación infantil, a práctica de psicomotricidade, coñecer as instalacións, as clases de matemáticas de primarias, os obradoiros interniveles da escola ou nunha formación a familias. A xornada rematou cunha interesante posta en común con propostas para mellorar todo o analizado na visita. 

 Xa no mes de abril, o CEIP Pintor Antonio Fernández recibiu ás persoas observadoras de Cambados, que visionaron a dinámica do centro, coñeceron as instalacións e a contorna, participaron en dinámicas cooperativas entre o profesorado, vivenciaron a intervención da orientadora e experimentaron obradoiros internivelares e a libre educación na educación infantil para ao final do día propoñer novas melloras.  

 “Esta experiencia permitiunos coñecer e valorar o traballo doutros mestres e mestras, así como os aspectos que podemos mellorar desde unha perspectiva externa ao noso centro. E foi unha vivencia moi divertida e produtiva”, destaca Alba Barros. A súa compañeira, Áurea Carballo salienta “a oportunidade enriquecedora” que supón o programa “para observar novas metodoloxías, xestións organizativas e facer reflexións conxuntas. Isto permitiume abrir os ollos a novas formas de traballar e crecer tanto persoal como profesionalmete”. 

 O programa rematará cunha última quedada conxunta para realizar unha memoria sobre o traballo realizado, plasmar ideas e canles de colaboración futuras que xurdiron destes encontros e das necesidades detectadas e compartidas en ambas escolas. Como destacan os equipos docentes dos dous centros, “está sendo unha experiencia moi satisfactoria, tanto que xa ven a observación como unha práctica a instaurar na súa dinámica interna habitual como instrumento de reflexión e como estratexia para iniciar e difundir prácticas pedagóxicas no centro”.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario