24 de abr. de 2024

TOMIÑO

O Concello realizará dous obradoiros de elaboración de pandeiretas, ante a alta demanda  

 Organizados pola OMIX de Tomiño, 70 persoas terán a oportunidade de aprender a crear este instrumento tradicional  

 

Os obradoiros de pandeiretas celebraranse na Praza Cultura de Goián
Foto: C.T.

Infogauda / Tomiño  

 O Concello continúa comprometido coa participación e formación da mocidade tomiñesa. Ante a altísima demanda do obradoiro de elaboración de pandeiretas organizado pola Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) de Tomiño e previsto para o vindeiro mes de maio, o Concello decidiu duplicar esforzos e realizar dous talleres para atender ás 70 persoas inscritas na actividade.  

 O concelleiro de Mocidade, Agustín González, salienta a importancia de escoitar á mocidade e responder ás súas inquedanzas, “ofrecéndolles oportunidades de formación e ocio relacionados con temas e actividades que lles interesan. Estes cursos e importante esforzo orzamentario realizado para duplicar a oferta son un claro exemplo do noso compromiso nese sentido”.  

 Os obradoiros celebraranse na Praza Cultura de Goián os sábados 25 de maio e 1 de xuño, de 10.00 a 14.30 horas, en dúas sesións formativas nas que a mocidade poderá aprender a elaborar este instrumento tradicional galego. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario