A REPRESENTACIÓN SINDICAL CONSEGUE O COMPROMISO DO SERGAS PARA QUE SE LLE RETIREN TODOS OS CONTRATOS PÚBLICOS A AMBULANCIAS DO ATLÁNTICO
Óscar Graña / Galiza
Sergas e 061 solicitaron un adianto da reunión prevista para o vindeiro luns, que finalmente se celebrou onte venres, entre representantes de CIG, CCOO e USO e cúpula de dirección da Fundación Pública xunto con altos cargos da Consellería de Sanidade.
Nesta reunión, a representación sindical expuxo a gravísima situación actual dunha empresa con 260 traballadores que se atopa actualmente en bancarrota despois de abonar tan só unha parte dos salarios que se lle debe ao persoal.
Paralización da actividade por falta de liquidez
A día de hoxe, as contas da empresa Ambulancias de Atlántico atópanse practicamente a cero. Por este motivo, está interrompido o subministro de osíxeno medicinal empregado no tratamento de pacientes durante a súa asistencia e traslado.
Ademais, segundo as propias fontes da empresa, xa non existe a posibilidade de abastecer combustible para as ambulancias debido a que todas as gasolineiras da comarca lle retiraron o crédito ao propietario da empresa Carlos Simón. Por este motivo, a previsión máis optimista é que a mediados de semana o servizo de ambulancias urxente e programado se paralice por completo.
Solución da Consellería
Responsables da consellería comprometéronse coa representación sindical a retirar todos os contratos públicos a Ambulancias do Atlántico. Deste xeito pretenden executar os avais depositados pola empresa e reter os pagos para que ese diñeiro se poida empregar no abono de salarios ao persoal traballador, xa que aínda non se pagou a totalidade das nóminas e se ve perigar o cobro de salarios nos vindeiros meses.
Responsables da administración expuxeron a súa fonda preocupación e solidariedade co persoal afectado. Recoñeceron tamén a gravidade da situación perante a posibilidade de que non se pode garantir o pago de salarios nos vindeiros meses, afectando a un total de 260 familias da comarca de Vigo e comarcas.
Concorrida asemblea
Na noite do venres, celebrouse unha asemblea convocada polas centrais sindicais de CIG, CCOO e USO onde asistiron máis de cen persoas. Os responsables sindicais amosáronse escépticos ao respecto de que a lexislación permita a administración retirarlle a Ambulancias do Atlántico os contratos públicos sen incorrer nun delito de prevaricación. Ademais, son conscientes de que o Sergas non pode abonar directamente ao persoal sanitario, os cartos retidos, polo que tería que facerse a través da asignación do servizo a unha nova empresa de ambulancias.
Debido a que a Consellería e o 061 non poden aclarar aínda cal vai ser a solución, nin establecer prazos concretos para o abono das débedas, nin garantir o pago das nóminas de abril, a asemblea decidiu por unanimidade a convocatoria de folga e mobilizacións que se estenderán a todas as empresa de Galiza.
O vindeiro mércores está convocada unha nova reunión con responsables do Sergas e 061 para que se poida coñecer unha proposta máis concreta de solución a esta crise, na que altos cargos da administración coinciden en que se trata da situación máis grave e complexa á que a Consellería de Sanidade se enfrontou xamais.
Reaparición e nova desaparición de Carlos Simón
O empresario catalán Carlos Simón García reapareceu por sorpresa o pasado mércores nas instalacións que a empresa Ambulancias do Atlántico ten en Mos. Fíxoo para se reunir con responsables da Volta Ciclista España, coa que ten contratado o servizo de asistencia dos ciclistas participantes.
Unha vez rematada a reunión, da que se descoñece o seu contido, o empresario volveu desaparecer. Desta vez, ademais de estar ilocalizable para o Sergas, o 061, a Inspección de Traballo e a federación de empresarios á que pertence, tampouco lle collía o teléfono ao propio persoal da empresa nin á súa familia.
Este último feito provocou que o seu irmán, e tamén empresario de ambulancias Óscar Simón, puxese, segundo el mesmo comunicou ao persoal da empresa, unha denuncia por desaparición do seu familiar.
Compre salientar que Óscar Simón García está a ser investigado dende marzo de 2023 polos Mossos d'Esquadra e a Guardia Civil no marco dunha operación anticorrupción nas ambulancias catalanas por unha suposta alteración da licitación pública en Cataluña.
Finalmente, na tarde do venres e previa á celebración da asemblea, representantes sindicais recibiron unha chamada dende o móbil de Carlos Simón. Ao outro lado do teléfono falaba unha persoa que se indentificou como “Jose Luis”, explicando que era un amigo íntimo de Simón e tamén empresario. Durante a conversa mantida relatou que Carlos Simón aparecera en Terrassa (Barcelona), dende Vigo, completamente desorientado e confundido, ser lembrar nada do que fixera nos últimos días e que incluso tivera que recibir asistencia nun centro sanitario.
Os representantes sindicais consideran que todo se trata dunha estratexia desesperada para gañar tempo, asociarse con outros empresarios que lle poidan dar unha certa inxección económica e sobre todo, para poder contar cun pretexto ridículo que lle permita eximirse de responsabilidade polo caos no que ten sumida a empresa Ambulancias do Atlántico.
Mobilizacións durante a Volta Ciclista a España
Pese a que Ambulancias do Atlántico conta, entre outros, con varios contratos millonarios coa administración pública, a adxudicación do servizo sanitario da Volta Ciclista a España e a concesión do servido para seguro de saúde Adeslas, segue a ser un misterio onde están os cartos que recibe.
Por este motivo a representación sindical de CIG, CCOO e USO decidiu estudar a posibilidade de incluír, dentro do calendario previsto mobilizacións durante a celebración da Volta Ciclista a España ao seu paso por Galiza se o conflito non se resolve antes do verán.
Ademais, poranse en contacto nos vindeiros días con responsables de Adeslas para explicarlle a situación e comunicarlle a convocatoria de folga na empresa, igual que fixeron coa Consellería de Sanidade.
Ningún comentario:
Publicar un comentario