21 de nov. de 2020

TOMIÑO

A mocidade tomiñesa ergue a súa voz na política  

Representantes do Consello Municipal da Infancia e Adolescencia celebran o seu pleno e participan nun foro no Parlamento de Galicia  

 

O pleno, presidido pola alcaldesa Sandra González, contou con representantes de todos os centros educativos do municipio, así como tamén coa presenza da vicepresidenta de UNICEF en Galicia, Gloria del Río

 

Infogauda / Tomiño

 ‘Voces Novas’, o Consello da Infancia e Adolescencia de Tomiño, volveu celebrar este 20 de novembro un novo pleno con motivo do Día Universal dos Dereitos da Infancia. Desta vez, por mor da situación pandémica, o pleno foi celebrado a través de videoconferencia.  

 O pleno, presidido pola alcaldesa Sandra González, contou con representantes de todos os centros educativos do municipio, así como tamén coa presenza da vicepresidenta de UNICEF en Galicia, Gloria del Río, que parabenizou a todos os presentes por participar da xornada, onde tamén estiveron concelleiras e técnicos municipais e representantes dos grupos da oposición.  

 Laura e Guille, representantes do colexio de Barrantes, falaron sobre a necesidade de reducir o uso de plásticos, facendo campañas de divulgación e concienciación sobre a importancia de coidar o medio ambiente. O colexio de Sobrada contou coa representación de Xabi, que propuxo pintar as medianeiras existentes no concello a través de murais temáticos sobre a natureza e a infancia. Carmen e Zuriñe, do CEIP Plurilingüe de Tebra, suxeriron seguir facendo contacontos e obradoiros de nadal vía online, e dende o primeiro curso do IES Antón Alonso Ríos, Raquel e Alfredo lanzaron a idea de facer unha competición online de videoxogos.  

 Un dos temas máis tratados foi a necesidade de traballar para que este nadal, probablemente un dos máis difíciles para moitas familias nos últimos anos, fose un nadal inclusivo, fraternal e que non deixase a ninguén atrás. Sira e Javi levaron a voz do CEP Pedro Caselles ao pleno, propondo a creación dun mercado solidario, mentres que Alejandra e Daniela, do colexio Pintor Antonio Fernández, acrecentaron esta proposta coa idea de crear unha árbore dos desexos que podería ser colocada no mercado municipal para que servise como punto de intercambio de pequenos agasallos. Nesta liña levaron tamén as súas propostas os representantes do segundo e terceiro curso do IES Antón Alonso Ríos, Irene, Jesús, Mayra e Antía respectivamente, que se lembraron dos maiores que viven en residencias e propuxeron transmitirlles amor e agarimo a través da creación de cartas e postais ou gravando panxoliñas de nadal. Tamén falaron sobre a posibilidade de crear concursos vía online de creación de relatos e pasteis de nadal, no que o premio fose doado a unha protectora de animais.  

Levando a voz da infancia ao Parlamento de Galicia 

 Ademais do pleno infantil deste venres, os nenos e nenas de Tomiño tiveron a oportunidade de levar a súa voz aínda máis lonxe, concretamente ao Parlamento Galego. Nel participaron o pasado martes xunto con representantes de Consellos da Infancia e Adolescencia de toda Galicia no Foro de Participación Infantil e Adolescente, que se celebrou vía online por causa do Covid-19.  

 As nenas e nenos quixeron transmitir as súas preocupacións e inquedanzas sobre os retos que cómpre superar nos vindeiros anos, pondo o foco en asuntos como a necesidade de coidar o medio ambiente e levar a cabo accións contra o clima, o acceso a unha enerxía non contaminante ou o fomento do emprego de calidade.  

 Levando a voz de Tomiño estivo Xoel, que falou sobre a necesidade de traballar pola igualdade de xénero, acabando coa discriminación cara as mulleres e fomentando o debate para atopar solucións, algo para o que considerou intrínsecamente necesario apostar por unha educación pública e de calidade.  

 No acto participaron tamén representantes dos grupos políticos con representación no Parlamento, así como a presidenta de UNICEF en Galicia, Myriam Garabito Cociña, que reiterou a necesidade de que a participación infantil estea sempre no centro da política, atendendo as demandas e necesidades dos máis novos e novas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario