4 de dec. de 2019

TOMIÑO

A DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA E O CONCELLO DE TOMIÑO REPASAN A COLABORACIÓN LEAL ENTRE AMBAS AS DÚAS INSTITUCIÓNS E ANALIZAN NOVOS RETOS 

A presidenta Carmela Silva recalca diante da alcaldesa, Sandra González, a vontade de continuar impulsando actuacións vertebradoras do municipio do Baixo Miño  


Carmela Silva Rego, presidenta da Deputación de Pontevedra na xuntanza con Sandra González Álvarez, alcaldesa do Concello de Tomiño
Foto: C.T.

Infogauda / Tomiño

 A colaboración constante entre a Deputación de Pontevedra e o Concello de Tomiño foi hoxe posta como exemplo de entendemento institucional pola presidenta, Carmela Silva Rego. Fíxoo durante unha xuntanza que esta mañá mantivo coa alcaldesa, Sandra González Álvarez, e na que ambas repasaron as actuacións desenvolvidas neste municipio durante o pasado mandato 2015-2019 e as que xa están en marcha. Un apoio da Deputación a Tomiño que totaliza 10,2 millóns de euros.  

 Carmela Silva destacou a calidade e cantidade dos proxectos e iniciativas desenvolvidas neste concello do Baixo Miño. Ao seu xuízo queda demostrado “o compromiso serio con Tomiño, un compromiso que parte da igualdade de trato e da premisa de reparto de fondos con criterios obxectivos e transparentes”. A presidenta provincial agradeceu a “relación fluída” coa alcaldesa e subliñou que neste clima de confianza mutua é posible analizar tanto as actuacións xa realizadas como as que quedan pendentes, buscando fórmulas e camiños para o seu financiamento.  

 O Concello de Tomiño recibe este ano do Plan Concellos (que se reparte entre tódolos concellos da provincia inferiores a 50.000 habitantes en función da súa poboación, extensión e dispersión territorial) un total de 1.268.865,17 euros. O Plan Concellos funciona cun modelo de transferencias, de xeito que son os concellos os que deciden e licitan as obras, o que convirte á Deputación de Pontevedra na que máis fondos transfire directamente aos municipios (un 30% do seu Orzamento xeral), moi por enriba da media das deputacións españolas, que queda no 16%. Ademais, como se subliñou durante a xuntanza de hoxe, Tomiño destaca pola súa capacidade de xestión, ao ser un dos concellos que máis ao día leva as certificacións das distintas axudas concedidas pola Deputación.  

 Gracias ás achegas do Plan Concellos, Tomiño puido recuperar recentemente o edificio Unión do Porvenir, mellorar a seguridade no camiño de entrada a Estas, mellorar a accesibilidade na Alameda de Goián, na Igrexa de San Xoán de Amorín e na praza de Figueiró ou acondicionar o campo de fútbol do Alivio, entre outras moitas obras. Ademais, logrou un proxecto dentro do plan de reequilibrio DepoRemse para a reforma da praza do Seixo, actuacións todas elas que teñen mellorado a calidade urbana neste municipio. En materia de Mobilidade, o investimento provincial chegou aos 3,2 millóns de euros e serviu para mellorar a unión entre a estrada provincial EP-3102 Tomiño-Sabarís e a PO-344 ao paso polo núcleo urbano de Seixo. Ademais, estase a traballar na seguridade viaria da rotonda (pq 3,7) da EP-3101 Tebra-Cristelos.  

 Por outra banda, no marco da Liña 2 do Plan Concellos, dedicada ao fomento do emprego, contratáronse a 99 traballadores (cunha media de 25 ao ano), sen esquecer que outras 18 persoas atoparon traballo no Concello no marco do Plan de Práctica Laboral, o Prácticum Depo e o DepoEmprega.  

 No marco do proxecto europeo Visit Río Minho: Preservación, Conservación e Valorización do río Miño Transfronteirizo, cofinanciadas polos fondos FEDER-POCTEP e a Deputación están en marcha dúas actuacións de relevancia. En concreto, trátase da mellora da accesibilidade e equipamento multifuncional para a dinamización do parque da fortaleza de San Lorenzo, en Goián, con 199.963,44 euros, e o proxecto construtivo dunha ponte internacional para peóns e bicicleta sobre o Miño, entre Goián e o Castelinho (Vilanova de Cerveira). O valor previsto deste proxecto, actualmente en fase de concurso de anteproxectos, é de 209.484 euros.  

 A Deputación impulsou tamén, durante o mandato 2015-2019, proxectos de iluminación led valorados en preto de 90.000 euros, investiu 226.000 euros en Cultura e outros 448.000 en programas de cohesión social que serviron para a organización de actividades, en colaboración con 23 asociacións, e nas que participaron 1.118 persoas. O impulso ao Deporte foi outro dos eixes da colaboración cunha asignación de 114.000 euros que serviu para dinamizar a actividade de 14 clubs e axudar a 13 deportistas individuais, dos que 9 contan con becas de élite (DepoDAN) ou promesa (DepoPromesa). Ademais, financiáronse 10 DepoEscolas Deportivas de balonmán, fútbol e patinaxe.  

 A Igualdade, con 35.000 euros, foi outra das liñas de colaboración a través dos cursos do programa Conectadas e os programas Violencia Zero, Cinema e Muller e Sorrisos Transformadores. Ademais disto, o Concello recibiu unha subvención para fomento da igualdade. Finalmente, houbo actuacións en materia de Medio Ambiente, Novas Tecnoloxías (das que, entre outras actividades, beneficiáronse 10 empresas), Comunicación e Turismo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario