5 de dec. de 2019

LABORAL

A FGAMT-CIG quere denunciar que o Ministerio de Traballo está a deixar sen ingresos as estibadoras e os estibadores que acceden ás axudas para a adaptación do sector da estiba 

 Francisco Xabier Cartelle Pérez* / O Ferrol

 A FGAMT-CIG quere denunciar que o Ministerio de Traballo está a deixar sen ingresos as estibadoras e os estibadores que acceden ás axudas para a adaptación do sector da estiba. 

 O 13 de abril publicouse no BOE o Real Decreto 257/2019, de 12 de abril, polo que se estableceron as normas para a concesión de axudas especiais para a adaptación do sector da estiba portuaria. 

 As axudas reguladas nese real decreto concédenselle ao persoal estibador portuario que, cumprindo os requisitos establecidos no mesmo, rescindan voluntariamente o seu contrato de traballo coas Sociedades Anónimas de Xestión de Estibadores Portuarios (SAGEP) existentes nos portos de interese xeral ou, no seu caso, coa empresa titular de licenza do servizo portuario de manipulación de mercancías ou co Centro Portuario de Emprego nos que se incorporaron mediante subrogación con posterioridade ao 14 de maio de 2017. 

 Así mesmo, as traballadoras e os traballadores deben ter cumprida unha idade, á data de entrada en vigor do real decreto, que sexa inferior en sesenta meses, como máximo, á idade ordinaria de xubilación con aplicación dos coeficientes redutores, segundo o establecido no artigo 205.1.a) e na disposición transitoria sétima do texto refundido da Lei Xeral da Seguridade Social, aprobado polo Real Decreto Lexislativo 8/2015, de 30 de outubro, así como nas normas reguladoras do Réxime Especial da Seguridade Social dos Traballadores do Mar. 

 A concesión da axuda implica a obriga de extinguir de forma voluntaria o contrato laboral coa empresa e causar a correspondente baixa na Seguridade Social, unha vez concedida a axuda, no prazo previsto no artigo 9.3 deste real decreto (10 días). 

 É decir, unha vez solicitada a axuda, se se reúnen os requisitos, concédese esta de xeito “provisorio” e o traballador debe presentar a baixa voluntaria na empresa nos 10 días seguintes á recepción da resolución de concesión. 

 O problema xurde cando o traballador cursa a baixa voluntaria na empresa e comunica tal feito ao Ministerio. Desde ese momento até que reciben a resolución definitiva da concesión da axuda están a transcorrer máis de 2 meses. Meses nos que o traballador/a non recibe ningún ingreso, pois xa non está na empresa e o Ministerio non dá resolto o seu expediente. 

 Esta situación é intolerábel e carece de xustificación, condenando ao persoal solicitante a ter que sobrevivir meses sen ningún tipo de ingreso. É por iso que desde a CIG queremos denunciar esta situación e exixir ao goberno que adopte urxentemente as medidas necesarias para resolver esta insostíbel situación.

*Secretario Confederal de Emprego, Industria e Saúde Laboral 
CONFEDERACIÓN INTERSINDICAL GALEGA

Ningún comentario:

Publicar un comentario