29 de nov. de 2019

A GUARDA

A vida de María Vinyals, tema da primeira barferencia de finais de 2019

Sobre a “Marquesa roja” disertou Silvia Cernadas Martínez



Silvia Cernadas Martínez- a dereita da imaxe - na barferencia de onte
Foto: C.A.G.


 Infogauda / A Guarda

 Na tardiña de onte xoves día 28 de novembro, celebrouse a primeira barferencia do ciclo finais 2019 nun bar da vila, que versou sobre «María Vinyals, unha galega de armas tomar», a cargo de Silvia Cernadas. 

 Silvia Cernadas Martínez (Soutomaior, 1988), licenciada en Historia pola Universidade de Santiago de Compostela, investigadora e guía oficial de Turismo, explicou aos presentes como foi a vida desta grande e polifacética muller do século XIX, froito das súas pescudas que a levaron a contactar e buscar información con boa parte dos seus descendentes e familiares directos e indirectos.

 Entre as súas principais liñas de traballo destacan a historia da nobreza e os castelos, especialmente o de Soutomaior, sobre o que versa o seu proxecto de tese de doutoramento; a historia da fronteira con Portugal na Idade Media, que comezou a estudar no seu traballo de fin de máster, e a historia das mulleres na Galicia contemporánea, centrándose na figura de María Vinyals. Ten publicado artigos e participado en varios congresos en relación a todos estes temas. 

 María Vinyals (1875-1940?) coñecida como a “Marquesa roja” polas súas ideas sociais e políticas, destacou como escritora e feminista, pero acabou morrendo na miseria e no esquecemento. Nesta barferencia falousese desta muller tan vencellada ó Castelo de Soutomaior e cuxa vida ben podería ser levada ó mundo do cine ou a televisión.

Ao remate da intervención de Silvia Cernadas Martínez, o alcalde Antonio Lomba Baz, en nome do Concello de A Guarda, fíxolle entrega de un agasallo, en presenza da concelleira Fátima Rodríguez


 A segunda barferencia deste ciclo terá lugar o vindeiro xoves día 26 de decembro ás 20:30 horas na Cervexería La Bodega - na confluencia das rúas Concepción Arenal e Galicia - e versará sobre «Juan Bautista Alonso Español (1801-1879). Relembrando a este deputado á Corte da Guarda no 140 aniversario do seu pasamento», a cargo do historiador local Joaquín Miguel Villa. 

 Dende o Concello da Guarda anímase unha vez máis a participar nestas barferencias que ano a ano espertan o interese dos guardeses e foráneos nun clima distendido e de intercambio de coñecementos de gran interese xeral e que conta cunha ampla participación.

Ningún comentario:

Publicar un comentario