A pegada da Ruta dos Fenicios na provincia de Pontevedra chega hoxe ao Líbano
Varias cidades libanesas acollerán a exposición sobre o itinerario dos fenicios que xa pasou pola Deputación, sede da Asemblea da Rede Española da Ruta
A presidenta da Deputación de Pontevedra na presentación da Ruta dos Fenicios
Foto: D. PO.
Infogauda / Pontevedra
A Deputación de Pontevedra amosará a pegada que a Ruta dos Fenicios tivo na provincia de Pontevedra na exposición sobre a presenza deste itinerario en España, que se exhibirá en Beirut desde hoxe ata o sábado 28 de setembro no marco do Diálogo Intercultural Euro-Mediterráneo, encontro hispano-libanés que terá como protagonistas aos pobos iberos e fenicios nesas tres xornadas de actividades. O evento está promovido pola Rede Española da Ruta dos Fenicios, a Embaixada de España no Líbano, o Instituto Cervantes de Beirut e o Itinerario Cultural do Consello de Europa Ruta dos Fenicios, entre outras institucións. Ademais de Beirut, a mostra poderase ver posteriormente noutras cidades do país libanés.
A devandita exposición é unha ampliación da que xa se puido ver o pasado ano no Pazo Provincial, cando Pontevedra foi sede da Asemblea da Rede Española da Ruta dos Fenicios. Hai que lembrar que a Deputación foi seleccionada por esta organización para liderar a súa promoción e difusión na fachada atlántica, feito que se plasmou na celebración das xornadas que a institución provincial acolleu en novembro.
A mostra está formada por 22 paneis informativos con cada un dos socios da Rede, entre os que figura un específico sobre a Deputación de Pontevedra e as Rías Baixas. A institución integrouse nesta rede a través dos restos fenicios e púnicos documentados en xacementos coma Monte do Castro en Ribadumia, A Lanzada en Sanxenxo, Monte do Facho en Cangas e Punta do Muíño do Vento en Vigo, onde se localizaron importantes restos da presenza dos fenicios nas costas da provincia. Trala súa exhibición no Phoenicia Hotel de Beirut, onde se desenvolven as actividades deste encontro internacional, a mostra trasladarase o día 28 á sede do Instituto Cervantes en Beirut para a súa exhibición. Posteriormente, a Embaixada de España e o socio libanés da Ruta dos Fenicios, Louis Cardahi Foundation (LAU), encargaranse de levala por diferentes lugares do Líbano, entre eles as cidades de Byblos, Tiro e Jounieh.
A Ruta dos Fenicios é un dos Itinerarios Culturais Internacionais recoñecidos polo Consello de Europa, que pasa por 18 países e por máis de 80 cidades e que se centra no legado dos fenici0s e púnicos de tres continentes. Está considerado como o Itinerario da Interculturalidade mediterránea e é a conexión das grandes rutas marítimas utilizadas polos fenicios desde o século XII a.C. como o principal medio de comunicación comercial e cultural no Mediterráneo. A través destas rutas, os fenicios, navegantes e expertos comerciantes, deron orixe a unha gran civilización que se asentou a través da súa expansión en Occidente para o desenvolvemento de intercambios de produtos manufacturados, de persoas e ideas, e a creación dunha "koiné" (comunidade) cultural mediterránea e a súa difusión.
As xornadas que se desenvolverán en Beirut teñen un dobre obxectivo. O primeiro deles é promocionar o Itinerario Cultural do Consello de Europa Ruta dos Fenicios, en especial os socios da Rede Española, a través de citada mostra. O segundo obxectivo deste diálogo intercultural é afondar no coñecemento da cultura ibera, da península ibérica na Antigüidade, das relacións históricas entre fenicios e iberos e do seu desenvolvemento actual a través de rutas culturais a través da mesa redonda que terá lugar mañá, 26 de setembro.
Ningún comentario:
Publicar un comentario