2 de ago. de 2019

A GUARDA

«Historia comercial e industrial guardesa»

Ata o 16 de agosto, a Casa dos Alonso acolle a exposición organizada pola Asociación de Comerciantes e Industriales de A Guarda (ACIGU) 


Acto de inauguraciónda exposición «Historia Comercial e Industrial Guardesa: Dende mediados do século XX ata a actualidade»
Foto: C.A.G.

Infogauda / A Guarda   

 Na tardiña de onte xoves día 1 de agosto, a Casa dos Alonso acolleu a inauguración da exposición «Historia Comercial e Industrial Guardesa: Dende mediados do século XX ata a actualidade», organizada pola Asociación de Comerciantes e Industriales de A Guarda (ACIGU) - Centro Comercial Aberto.

 No acto de inauguración interviron a presidenta de Acigu CCA, Carmen María García Braga; o presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas; o presidente da Confederación de Empresarios de Pontevedra, Jesús Castiñeira, e o alcalde de A Guarda, Antonio Lomba Baz, asistindo tamén unha ampla representación do empresariado guardés, membros de formacións políticas e veciños. 

 A exposición espertou moito interese, facendo recordar a moitos dos presentes as empresas que existían tempos atrás e como eran os seus slogans, logotipos ou reclamos comerciais. 

 Esta mostra, que conta cun total de 18 paneis, tenta realizar unha viaxe polos últimos 70 anos da vida comercial e industrial guardesa, a través da súa publicidade, amosando diferentes anuncios e mensaxes comerciais que empregaron as empresas guardesas para promover seus artigos, marcas e produtos, xerando unha interacción entre o visitante e a exposición. 

 Para os maiores esta mostra permite, mediante estes anuncios, realizar unha viaxe ao pasado e relembrar os establecementos da súa xuventude e a evolución destas empresas da nosa vila.  

 Para os máis xoves é unha oportunidade para observar que tipo de produtos e modas había tempos atrás; así como as ferramentas que se empregaban e que arestora están fora de uso ou substituídas por novas tecnoloxías. Naqueles tempos existían números de teléfono con un, dous ou tres díxitos, se empregaban direccións telegráficas, telex, así como o xeito de promocionarse. Antigamente se realizaba en impresión (almanaques, prensa local e rexional, libros-programa de festas,...) e tamén en murais, prendas, radio, valos,.. E  na actualidade a través de soportes alternativos, ainda que algúns medios (prensa, radio,...) continúan tendo moita vixencia na publicidade comercial.

 Tamén se pode apreciar a antiga toponimia do concello e a nomenclatura das rúas, ademáis da relación existente xa naquela época con outras áreas, como pode ser Vigo ou o norte de Portugal. 

 Nesta mostra non se pretende valorar a presenza das marcas ou empresas, senón a evolución que tivo a nosa localidade co seu tecido comercial e industrial, así como a gran cantidade e a calidade de grandes emprendedores locais, a maioría dos cales non se lles recoñeceu súa destacada achega a economía do noso pobo.

 Esta exposición estará ata o vindeiro 16 de agosto na Casa dos Alonso, podendo visitarse de 8:00 a 15:00 horas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario