2 de ago. de 2019

A GUARDA

O proxecto da nova Escola Infantil pendente do visto bo da Consellería de Política Social

O xerente do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar quedou comprometido co alcalde a elaborar a documentación necesaria para manter unha xuntanza definitiva no mes de setembro coa conselleira de Política Social, Fabiola García

Infografía da nova Escola Infantil Municipal a ubicar onde están as antigas vivendas dos mestres, a carón do antigo colexio público Manuel Rodríguez Sinde  
Fonte: C.A.G.


Infogauda / A Guarda

 O alcalde de A Guarda, Antonio Lomba Baz, asistiu onte xoves día 1 de agosto a unha reunión co xerente do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, para pechar de forma definitiva o proxecto de Escola Infantil Municipal, tanto dende o punto de vista técnico como económico. 

 Na reunión estiveron presentes, tanto o arquitecto redactor do proxecto como o do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar. O proxecto presentado cumpre cos requisitos esixidos pola Xunta de Galicia e o alcalde asume que a subvención da administración autonómica será de 10.000€ por praza, facendo un total de 410.000€, que corresponde a 3 unidades e que obrigará ao Concello de A Guarda a asumir o custo restante ata a contía total da obra, cuxo orzamento supera os 750.000€. 

 Segundo ven de facer público o executivo municipal do Concello de A Guarda “o xerente do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar quedou comprometido co alcalde a elaborar a documentación necesaria para manter unha xuntanza definitiva no mes de setembro coa conselleira de Política Social, Fabiola García, para que se poida pechar definitivamente o compromiso de financiamento da Escola Infantil. 

 O segundo paso será incluír a obra nos orzamentos autonómicos e redactar e asinar co concello o correspondente convenio

 Hai que recordar que o Concello de A Guarda ten un ratio de prazas de escolas infantís moi baixo, que nos últimos anos oscila entre o 17% e o 20%, cando o compromiso da Xunta e que o ratio en Galicia sexa como mínimo o que recomenda a Unión Europea, un 35%.

Ningún comentario:

Publicar un comentario