3 de mar. de 2018

TOMIÑO

O BRAZO DUN NADADOR QUE SUPERA A FRONTEIRA, UN CAMIÑO QUEBRADO E UNHA ESTRUTURA AÉREA E CURVADA, COMPITEN PARA UNIR TOMIÑO E CERVEIRA
  
O concurso de ideas impulsado pola Deputación para o ponte peonil cumpriu o seu obxectivo: atraer o interese internacional sobre o Miño xa na súa proposta   

Presentáronse deseños da Galiza, Portugal, Alemania, Reino Unido, Francia e o Estado Español  

‘Raia’, unha proposta íntegramente portuguesa, foi a que acadou a maior puntuación 
Infografías: D. P.

Infogauda / Tomiño

 O concurso internacional para o deseño da ponte peonil sobre o Miño entre Tomiño e Cerveira organizado pola Deputación de Pontevedra conseguiu acadar a trascendencia internacional que se propoñía. Unha vez comprobada toda a documentación, certificouse que entre os 24 anteproxectos admitidos existían propostas tanto de Galiza e Portugal, tal e como se agardaba pola cercanía e coñecemento do territorio, como de enxeñeiros e arquitectos de Stuttgar e Berlín (Alemania), Buckinghamshire e Londres (Reino Unido), Vanves (Francia), e do resto do Estado Español: Valencia, Madrid, Toledo, Barcelona, Málaga, Asturias ou Cantabria.  

 Segundo explica o deputado de Cooperación Transfronteiriza Uxío Benítez Fernández, dende o inicio, a Deputación traballou para crear un concurso internacional que espertase interese de arquitectos, enxeñeiros ou equipas profesionais estranxeiras, publicando o anuncio incluso no Diario Oficial da Unión Europea e dándolle difusión a través dos colexios oficiais, que trasladaron a convocatoria aos seus homólogos doutros países. A intención era a mesma que persegue todo o proxecto Visit_Rio_Minho: atraer visitantes internacionais e que o territorio do Miño se convirta nun punto de referencia coñecido alén das fronteiras.  

 A resposta ao concurso foi maior da esperada xa que os requisitos para presentarse foron duros: os aspirantes debían demostrar un amplo grao de coñecemento e unha traxectoria profesional destacada no ámbito do deseño estrutural e desenvolvemento de pontes ou pasarelas singulares, tendo realizado nos últimos 15 anos deseños e proxectos e direccións de obra de alomenos dous viadutos cun van superior a 75 metros. As esixencias, de feito, tiveron que ser suavizadas a petición dos colexios de arquitectos e enxeñeiros galegos e lusos co fin de abrir as posibilidades de presentación á xente moza. 

 Foi a unión temporal de empresas (UTE) formada por Álvaro Siza e a Sociedade GOP representada por Jorge Amorin Nunes da Silva a que acadou a maior puntuación co seu deseño, titulado ‘Raia’, sendo unha proposta íntegramente portuguesa. No segunte lugar o xurado escolleu o deseño ‘Caminñho do rio’, presentada por unha UTE de empresas viguesa (pola sociedade de Javier Zubia) e portuguesa (Paula Teles). Finalmente, a terceira proposta finalista, ‘Una línea sobre el  Miño’, chegou de dous gabinetes madrileños. Agora, estas tres propostas terán que ser desenvolvidas polos seus autores para despois, nun procemento negociado, escoller a máis puntuada segundo criterios técnicos e económicos de forma oficial. Hai que lembrar que na reserva o cuarto posto foi para o deseño baixo o lema ‘Lazos’, chegado dende Valencia; o quinto para ‘Euroconverxencia Natural’, chegado dende unha sociedade creada por técnicos de Madrid, Alemania e Francia’; mentres que o sexto lugar foi para ‘Fado’, unha proposta integramente coruñesa. “Sempre entendemos que dado o valor simbólico da ponte, tanto polas características ambientais da contorna como polos obxectivos estratéxicos que persegue -crear un espazo común a dous países-, era preciso darlle un carácter internacional, con profesionais españois, portugueses ou estranxeiros para acadar o mellor proxecto, polo que estamos satisfeitos do resultado”, explicou o deputado de Cooperación Transfronteiriza. 

AS PROPOSTAS 

Raia:  O brazo de Álvaro Siza que supera a liña de fronteira 

 O arquitecto portugués Álvaro Siza foi o vencedor do concurso de ideas aberto para deseñar a ponte que comunicará de xeito peonil Tomiño e Vila Nova de Cerveira e crear o primeiro europarque peninsular. No seu haber conta con ducias de recoñecementos polos seus traballos arquitectónicos que, na Galiza, se resumen no edificio do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) no 1993, e no ano 2000 no proxecto da Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago de Compostela e na rehabilitación do Café Moderno en Pontevedra. 

Co proxecto ‘Raia’, as sociedades Álvaro Siza (do arquitecto homónimo) e a GOP (representada por Jorge Amorín Nunes) acadaron a maior puntuación do xurado

 Na memoria do proxecto ‘Raia’ para a ponte peonil entre Tomiño e Cerveira, o Siza explica que cando se decide intervir a través da disciplina arquitectónica nun territorio non é posible que o construido pase físicamente desapercibido. Por este motivo plantexou que a peza proxectada para o Miño debía ter a dignidade formal e material necesaria para convivir harmónicamente coas preexistencias sen deixar de posuír un carácter propio: sen renunciar ao seu tempo.   

 “Quixemos atender ao patrimonio histórico, natural e construido do lugar, preservar a totalidade de vexetación de ribeira, a continuidade espacial da superficie de auga do río sen obstáculos e respectar os ecosistemas e monumentos de ambas as dúas marxes. (…) Este fin conséguese dispondo dous elementos, soporte e taboleiro, un pendurado do outro e pousando somente en terrra, sen tocar a auga, ligando por cima do río as dúas redes de camiños en ambas marxes e manifestándose como unha forma de continuidade de ambos parques”.  

 Deste xeito, no proxecto habilítase “un arco complementado por dous apoios en piares en forma de V e un taboleiro que risca no aire un xeito sinuoso, unha S que se alonga erguida enriba do río para deitarse nas dúas ribeiras con naturalidade. O primeiro de sección cadrada e o segundo con sección en U, por dentro da que pasan peóns e bicicletas, conformando un conxunto entrelazado no que o arco lembra o brazo dun nadador xigante que teima por axudar a superar a liña da fronteira”.  

 Con este deseño, di Siza, non hai competencia da ponte coa naturalidade da contorna: “A arquitectura destas xeometrías que vibran nos reflexos do río non compite coa escala do Forte de San Lorenzo, apenas convida a visítalo. O mesmo acontece coa vila de Cerveira, que mostra o seu tecido urbano tranquilo a gatexar pola topografía en pendente dende a beira do río ata cotas máis altas. Hai aí nesa arquitectura de xeometrías entrelazadas unha suxerinte metáfora simbólica do acontecer social que con gusto se dan as caras e non as costas (a liña de fronteira ficaría afogada polo río e remitiría só aos despachos administrativos)”.  

 FICHA: 
 As sociedades Álvaro Siza (do arquitecto homónimo) e a GOP (representada por Jorge Amorín Nunes) acadaron a maior puntuación do xurado: 90 puntos. A proposta plantexa unha ponte tipo arco cunha forma de ‘S’ en planta de 300 metros de lonxitude. A súa estrutura en horizontal distínguese por ser metálica, ter un largo útil de catro metro, pavimento sintético de poliuretano e unha varanda metálica. En canto á estrutura vertical, ten un gálibo de 9,20 metros e dous apoios na ribeira do río en forma de pilas metálicas en V e en arco. O encontro cos espazos lindeiros prodúcese ao leste do Espazo Fortaleza de Tomiño, na zona próxima ás vivendas, e ao sur do illote do Parque do Castelinho en Vila Nova de Cerveira, sen afección nin á praia nin ao propio illote. O orzamento construtivo previsto é de 3,38 millóns de euros. 

CAMIÑHO DO RIO: Un sendeiro que persegue vistas e paisaxes  

‘Camiñho do Rio de Javier Zubia e Paula Teles 

 A proposta ‘Camiñho do Rio de Javier Zubia e Paula Teles propón unha estrutura orgánica de relación entre a función e a paisaxe que caracteriza a contorna. Trátase, nas súas propias palabras “dunha estrutura que excede a mera función de unir, que forma parte activa da función do espazo, un elemento dinámico do parque que interactúe co usuario, que propoña dinámicas, que transgreda a súa función e se transforme en espazo. Unha forma sobre a paisaxe que busca e se apoia no relevo do val, que absorbe a súa sinuosidade e que se manifesta, que se asume e revela como parte do mesmo. Un sendeiro que persegue vistas e paraxes, un trazo que se debuxa na contorna de forma aparentemente improvisada, que non prioriza a inmediatez da liña recta, que provoca descansos, espazos de permanencia, puntos de fuga e flexións. Un camiño que propón un novo relevo, que suxire diferentes perspectivas, que pretende a convivencia de peatóns e ciclistas a través dunsendeiro distendido de articulación”. 

A proposta ‘Camiñho do Rio de Javier Zubia e Paula Teles, propón unha estrutura orgánica de relación entre a función e a paisaxe que caracteriza a contorna

 Na memoria do deseño explícase que a ponte é un camiño quebrado que pretende unificar as sendas existentes, separadas polo río a través da nova pasarela que se entende como unha unidade formal e material, unha estrutura que simboliza os valores de unión, solidaridade, pluralismo, igualdade e tolerancia que o parque internacional Castelinho-Fortaleza pretende representar.  

 O percorrido da ponte, de feito, propón un traxecto informal, un percorrido que suxire descanso, permanencia e contemplación e propón novas experiencias da canle do río na contorna natural que configuran Vila Nova de Cerveira e Goián e do conxunto defensivo que as unifica.   

FICHA  

                                       ‘Camiñho do Rio de Javier Zubia e Paula Teles 

 O deseño que quedou en segundo lugar no concurso de ideas da Deputación de Pontevedra foi o titulado ‘Caminñho do rio’, da Sociedade Proyectos y Obras de Estructuras e Instalaciones, representada polo vigués Francisco Javier Zubia, e a sociedade Mobilidade e Planeamento do Territorio, representado pola enxeñeira Paula Teles. Propoñen unha  planta de directriz quebrada de 323 metros de lonxitude cun taboleiro metálico antideslizante de entre catro e seis metros de largo, cun vano central de 123 metros (con gálibo de 9,50 m) e dous vanos laterais de entre 90 e 110 metros, que se apoia en dous pilares de formigón armado no leito do río. O encontro da plataforma coas ribeiras prodúcese na zona sur da Fortaleza –ao carón do auditorio- e ao sur do Parque do Castelinho, non tendo tampouco nin afección á praia de Tomiño nin ao illote en Vila Nova, cuestión ambas as dúas que foron fundamentais para o xurado. O custe estimado da construción do viaduto, de chegar a escollerse definitivamente a proposta é de 3,35 millóns de euros. 

UNHA LIÑA SOBRE O MIÑO. Un lugar propio transparente e aéreo  

‘Unha liña sobre o Miño’, vista xeral

 A nova ponte Goián-Cerveira proponse por parte das sociedades autoras de ‘Unha liña sobre o Miño’ como unha construción extremadamente lixeira e aérea, cuxa posición e estrutura preserva as vistas cruzadas das fortalezas situadas a un lado e outro do Miño. “Respecta as delicadas ecoloxías do río e a súa xeometría de doble curvatura fará da súa travesía unha experiencia intensa, profunda e memorable na que a paisaxe sempre variable que se abre cara o Atlántico, ao sur, e ao valioso patrimonio histórico, ao norte, é o máis importante”, din. Por outra parte, a ponte proposta distínguese claramente da estrutura da Ponte da Amizade situada augas arriba a menos de 1.500 metros. O seu uso exclusivamente ciclista e peatonal permite empregar, aseguran os autores, unha estrutura máis audaz, maiores luces e un planeamento estratéxico no que a experiencia do cruce e a relación coa paisaxe son “determinantes e ineludibles”, polo que é o máis transparente e aéreo posible. Créase un “lugar propio” que desvela unha paisaxe inédita “que alonxándose das edificacións de Vila Nova de Cerveira e das fortalezas, descubre a inmensidade do estuario do río Miño con toda a súa potencia natural fronte ao silencio formal e expresivo da ponte”.  

FICHA 

‘Una línea sobre el Miño’

 O último proxecto que pasou a liña de corte do xurado foi o titulado ‘Una línea sobre el Miño’, das sociedades Burgos y Garrido, representada por Ginés Garrido Colmenero, e Bernabeu Ingenieros, representado por Alejandro Bernabeu Larena. Estes propoñen unha ponte colgante de directriz recta e 330 metros de lonxitude e 9,20 metros de gálibo. A estrutura horizontal está composta por unha plataforma de catro metros de largo cun pavimento de madeira e de formigón e lastro portugués nos extremos, completada cunha varanda de malla metálica con pasamán de aceiro. A estrutura vertical está composta por dous apoios de aceiro na ribeira, que enlazan ao sur do Espazo Fortaleza, tamén na zona do auditorio, e ao sur do Parque do Castelinho. Igualmente non terá afección nin á praia nin ao illote e tería un valor construtivo de 3,38 millóns de euros. 

 A redacción do deseño da nova ponte peonil e ciclista sobre o Miño está encadrada nunha das actividades do proxecto VISIT_RIO_MINHO presentado á primeira convocatoria do Programa Operativo España-Portugal (POCTEP) 2014-2020 Interreg V-A nunha candidatura conxunta da Deputación de Pontevedra coa CIM Alto Minho, os concellos do norte de Portugal, a Fundación CEER, o Centro Tecnolóxico do Mar e a Universidade de Vigo. Este proxecto obtivo un cofinanciamento do 75% de fondos FEDER no marco da referida convocatoria do POCTEP 2014-2020 Interreg V A, cun orzamento total aprobado de dous millóns de euros, cunha achega da Unión Europea que ascende a 1.500.000 euros. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario