BIBERÓN CADA TRES HORAS PARA TRES CACHORROS ABANDONADOS AO NACER
Traballadores do CAAN coidan nas súas casas a tres cans que tiñan perigo de morrer sen as atencións axeitadas
Dous dos animais, Anxo e Águeda, xa atoparon unha familia de adopción
Na imaxe un traballador do Centro de Protección e Acollida de Animais (CAAN) e súa filla, con Anxo, un dos tres canciños de raza mestiza pequena e cor negra alimentados con biberón
Fotos: D. P.
Infogauda / Armenteira (Pontevedra)
O Centro de Protección e Acollida de Animais (CAAN), dependente da Deputación de Pontevedra, vén de sumar outra historia singular: Tres cans, Anxo, Águeda e Antón, conseguiron sobrevivir tras seren abandonados recén nacidos grazas á implicación das e dos traballadores do centro provincial. O persoal, ademais de atendelos durante o día nas instalación de Armenteira, levounos ás súas casas polas noites co fin de que se mantiveran quentes e de darlles biberón cada tres horas durante todo o seu primeiro mes de vida.
A historia dos tres cans e a súa relación co CAAN comezou o día 4 de xaneiro deste ano. Entón, alguén non identificado deixounos abandonados, xusto despois de nacer, nunha clínica veterinaria de Sanxenxo. Esta alertou á Asociación Peludos Invisibles e o colectivo ao non poder atendelos solicitou tamén a axuda do CAAN, que se fixo cargo.
Unha vez estiveron no centro de Armenteira, os tres cans, de raza mestiza pequena e cor negra, foron valorados polos veterinarios. Estes certificaron que precisaban atencións especiais dada a súa curta idade: alimentación por biberón cada tres horas e mantemento dunha temperatura corporal axeitada en todo momento, baixo risco de morrer por desidratación ou frío se as dúas condicións non se cumprían. “Eran necesarios uns coidados continuos, o que motivou que varias persoas do plantel se ofrecesen voluntarias a levalos para a casa, mantelos quentes e erguerse de noite para darlle de comer. Sabiamos que era a mellor alternativa para que saíran adiante”, explicou o veterinario José Luis Pedreira.
Agora, dous meses máis tarde, os cans xa se alimentan por si mesmos e teñen unha moi boa saúde. Dous deles xa atoparon familia de adopción e foron recollidos o pasado xoves e onte venres. Queda un aínda no centro, Antón, que previsiblemente tamén conseguirá fogar en breve xa que, segundo explica Pedreira, os tres animais “están moi sociabilizados ao estar toda a súa curta vidas empre con xente, incluso antes de abriren os ollos”.
A deputada responsable do CAAN, Eva Vilaverde, quixo loubar o traballo do persoal do CAAN pola súa intervención máis alá do esixible laboralmente en casos coma este, poñendo a disposición o seu propio fogar de xeito provisional para atender os cans. “Son profesionais que demostran día a día a súa capacidade e valía co traballo que fan no centro da Armenteira, pero é que ademais teñen un grande amor polos animais que lles fai ir máis alá e implicarse de xeito persoal a pesares dos sacrificios que conleva”, subliñou a nacionalista.
Ningún comentario:
Publicar un comentario