21 de feb. de 2018

A GUARDA

CULTURA

Os traballos dos escolares no marco da «Semana por Rosalía», expóñense xa por toda a vila 


As creacións do alumnado foron recollidas onte para ser colocadas no Concello da Guarda, a Praza de Abastos, o Centro Cultural e 14 comercios guardeses
Fotos: C. A. G.

Sara Alonso / A Guarda

 Os debuxos elaborados polos cativos e cativas dos centros guardeses con motivo da conmemoración do 181º aniversario do nacemento de Rosalía de Castro xa se poden visitar en distintos puntos da vila.   

 Preto de 350 nenos e nenas  dos centros de educación infantil, educación especial e primeiros cursos de educación primaria participaron na iniciativa «Que che inspira?», elaborando debuxos orixinais baseados en versos da poesía rosaliana. As creacións do alumnado foron recollidas onte para ser colocadas no Concello da Guarda, a Praza de Abastos, o Centro Cultural e 14 comercios guardeses, onde permanecerán ata a vindeira semana para goce da veciñanza e os visitantes. 



 Os establecementos comerciais participantes nesta iniciativa son o estudo fotográfico Foto Verano, a Panadería do Muño, a tenda de informática Global A Guarda.com, a panadaría Flor y Nata, as perfumerías e droguerías Ámbar Gris e Chèvere, a librería Petete, a tenda Decoracións Bambino, o comercio de lencería Fetiche, a Peluquería Carlos, as tendas de lambonadas Regaliz e Caprichos, o comercio de mobiliario Guardesa de Cocinas, e o comercio de interiorismo Agarimo.   


 O Centro Cultural acolle boa parte dos debuxos elaborados polo alumnado do CEIP A Sangriña, namentres na Casa do Concello expóñense xa algúns dos traballos dos cativos do CEIP As Solanas e os centros HH. Carmelitas e PP. Somascos. Na Praza de Abastos atópanse debuxos pertencentes aos cativos e cativas dos colexios Manuel Rodríguez Sinde, HH. Carmelitas e PP. Somascos, e nos comercios, pola súa parte, pódese comprobar o traballo dos diferentes centros educativos, cunha mostra variada de todos eles.   

 «Semana por Rosalía» 

 A iniciativa «Que che inspira?» enmárcase dentro da programación de actividades da «Semana por Rosalía», orientada á divulgación da figura e obra da autora galega dende o 19 ata o 24 de febreiro, coincidindo co aniversario do seu nacemento. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario