9 de feb. de 2018

A GUARDA

A DEPUTACIÓN  DE PONTEVEDRA APROBA EN XUNTA DE GOBERNO O PROXECTO PARA A MELLORA INTEGRAL DA RÚA CONCEPCIÓN ARENAL EN A GUARDA  

O deputado de Mobilidade Uxío Benítez lembra que o orzamento das obras é de 1.598.755 euros e que os traballos teñen un prazo de execución de dez meses unha vez comezados 

Nesta infografía amósase como está prevista o entorno da Praza de Avelino Vicente
D.P.

Infogauda / A Guarda

 A Deputación de Pontevedra aprobou hoxe en Xunta de Goberno o proxecto para a ‘Recuperación de espazos e mellora da mobilidade peonil na rúa Concepción Arenal EP-3401 de acceso ao porto en A Guarda’. Segundo explica o deputado de Mobilidade Uxío Benítez Fernández, o orzamento para a actuación ascende a 1.598.755 euros (financiados ao 70% con fondos provinciais) e a obra terá un prazo de execución de dez meses logo do inicio, que se prevé na primavera.  

 A mellora integral da rúa Concepción Arenal, de titularidade provincial, pretende recuperar o espazo público da rúa para veciñas e veciños e fomentar un modelo de convivencia co tránsito rodado, sempre coa filosofía de que a circulación peonil debe ser a principal. Deste xeito, o proxecto redactado segundo os criterios do departamento de Mobilidade da Deputación, afirma Benítez,“facilitará e promoverá os tránsitos peonís cara ao Porto, que a día de hoxe están limitados polo tráfico rodado e a existencia de beirarrúas mínimas, en mal estado, e con nula accesibilidade”.   

 O ámbito de actuación das obras é de 8.527,85 metros cadrados nunha lonxitude de 670 metros, creando unha plataforma única desestruturada e non lineal con once redutores físicos de velocidade de vehículos, e unha velocidade máxima permitida de 20 quilómetros por hora. Crearase unha grande praza na fronte do convento de San Bieito e darase un novo tratamento para a praza de Avelino Vicente. En ambos casos limitarase o aparcamento actual para recuperara maior cantidade de superficie de espazo público para a cidadanía.   

Nesta infografía amósase como está prevista o entorno na zoa do ex convento das Bieitas
D.P.


 Segundo explica Benítez, no cruzamento coa rúa Enrique María Sesto e o hotel convento de San Bieito convivirán o tráfico e a circulación peonil, transformando o espazo da edificación relixiosa, potenciando as súas características monumentais. Proponse crear unha área de descanso e reunión cun espazo verde con árbores e bancos e, do outro lado, unha pérgola acompañada tamén de bancos. A rúa resólvese nun mesmo nivel e xógase cos materiais e texturas, de forma que a parte estritamente peonil levará lousa e a parte rodada unha base de formigón negro grafito con bandas transversais. Ao chegar á igrexa producirase un cambio na conformación do solado, cunha maior presenza de pedra.   

 Na zona dende o cruzamento coa PO-552 ata a rúa Enrique María Sesto redefinirase a Praza Avelino Vicente. Haberá tamén un único nivel con diferentes materiais para os pavimentos e elementos de formigón a modo de mobiliario urbano, e a praza consolidarase arredor do monumento existente con dúas áreas de descanso diferenciadas: unha delas en forma lonxitudinal sobre unha das dúas fachadas acompañada de árbores e zonas de lecer, e a outra disposta arredor dun elementos de formigón, con bancos e zonas verdes.   

 O deputado de Mobilidade destaca que a configuración na nova rúa e o aproveitamento por parte da cidadanía verase potenciado unha vez que se desenvolva o novo acceso ao Porto que a Xunta de Galicia debe tramitar como proxecto sectorial pola zona sur. Lembrou que existen tres alternativas deseñadas pola Deputación que permitirán retirar o tráfico pesado do centro da vila, xa que o uso de Concepción Arenal para o transporte de mercadorías ao Porto non é compatible co seu novo deseño.  “Estamos nunha fase na que só debe haber un final: recuperar o espazo para as persoas. E no caso de A Guarda a Deputación puxo sobre a mesa solucións a dous problemas da vila: a recuperación do espazo de Concepción Arenal para os peóns, e varias propostas para crear un novo o acceso ao Porto que agora ten que concretarse e ser realidade da man administración competente para facelo, a Xunta de Galicia”, insistiu.

Ningún comentario:

Publicar un comentario