17 de out. de 2017

PONTEVEDRA

Carmela Silva insta á Xunta de Galicia e ao Goberno de España a habilitar todas as axudas necesarias para recuperar o patrimonio das veciñas e veciños da provincia 

A presidenta da Deputación de Pontevedra fixo un chamamento para que "se poñan en marcha de forma inmediata todos os recursos necesarios para aquelas persoas que perderon todo o que tiñan, así como para recuperar o noso patrimonio natural"

Carmela Silva insta á Xunta e ao Goberno de España a habilitar todas as axudas necesarias para recuperar o patrimonio das veciñas e veciños da provincia 
Foto: D.P.

Infogauda / Pontevedra

 Tras ter visitado onte os incendios cualificados de nivel dous na provincia de Pontevedra, a presidenta da Deputación, Carmela Silva, instou á Xunta de Galicia e ao Goberno de España a que se poñan xa a traballar. Así, Silva informou que "a situación é dramática, a perda que tivemos na provincia durante estes días é incalculable e por iso quero facer un chamamento para que, de forma urxente e inmediata, tanto a Xunta de Galicia coma o Goberno de España poñan en marcha todos os mecanismos, todos os recursos e axudas necesarias, sen ningún tipo de restrición, para que as veciñas e veciños que perderon todo o que tiñan o recuperen, así como o noso patrimonio natural". 

 A presidenta provincial dixo que "cando, como representante institucional, visitas os concellos da provincia, tes que dar seguridade, unha mensaxe de futuro, dicirlle á xente que imos solucionar a situación; pero, certamente, cáeseche a alma aos pés cando ves toda a destrución que provocaron estes incendios". Silva informou que onte visitou os concellos afectados por incendios cualificados de nivel dous na provincia de Pontevedra e verbalizar con palabras a situación é "imposible, non se pode definir".  

 Carmela Silva mencionou que As Neves, "que conta con máis do 90 % de afectación, con absolutamente todo queimado, parecía un pobo dunha película de terror, unha paisaxe lunar, onde vías vivendas que se salvaron polo incalculable traballo do goberno local pero tamén das veciñas e veciños". A presidenta provincial asegurou que a mesma impresión tivo cando percorreu Pazos de Borbén, Ponteareas, Nigrán, Gondomar, Baiona e os montes de Vigo. 

 "Moitas veciñas e veciños da provincia de Pontevedra perderon xardíns e cultivos, todo o que tiñan, pero todas e todos perdemos o patrimonio natural, a nosa paisaxe de foresta verde, que quedou totalmente destruído". Ante esta situación, Silva manifestou sentir "unha inmensa pena e unha inmensa dor" e instou á administración autonómica e estatal a que habilite todas as axudas necesarias para recuperar o patrimonio das veciñas e veciños da provincia.

Ningún comentario:

Publicar un comentario