17 de out. de 2017

OURENSE

Nace a Fundación "Blanco Amor", co obxectivo de conservar e difundir a obra do insigne escritor ourensán  

Manuel Baltar presidiu no Liceo o acto de constitución da fundación, coa participación dos patróns da mesma, afirmando que hoxe "é un día importante para a nosa cultura, pois tendemos unha ponte literaria para unir a grandeza histórica de Blanco Amor coa sociedade do século XXI".  

O labor da fundación centrarase na promoción e tradución da obra blancoamoriana, así como na investigación, catalogación, conservación do arquivo documental, e realización de actividades culturais e de dinamización sociocultural de todo o relacionado con Blanco Amor.

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, presidiu hoxe no Liceo de Ourense o acto de constitución da Fundación "Eduardo Blanco Amor"
Foto: D.O.

Infogauda / Ourense

 O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, presidiu hoxe no Liceo de Ourense o acto de constitución da Fundación "Eduardo Blanco Amor", unha entidade que nace co obxectivo de conservar e difundir a obra do insigne escritor ourensán. Ao remate da reunión, que contou coa participación dos patróns da fundación, Manuel Baltar afirmou que hoxe "é un día importante para a nosa cultura, pois tendemos unha ponte literaria para unir a grandeza histórica de Blanco Amor coa sociedade do século XXI".

 O presidente da Deputación de Ourense, quen ostenta a Presidencia da fundación expresou o seu convencemento de que a entidade que hoxe constituímos "servirá de fío condutor para unir xeracións literarias e culturas e para enriquecer as diferentes realidades sociais do eido literario, tendo á provincia de Ourense como punto central, xa que así era Blanco Amor: un escritor internacional que abranguía diferentes territorios do mundo coa súa escrita deixando sempre a pegada da súa terra no seu traballo intelectual e social".

 O labor da fundación centrarase na promoción e tradución da obra blancoamoriana, así como na investigación, catalogación e conservación do arquivo documental; e na realización de actividades culturais e de dinamización sociocultural de todo o relacionado con Blanco Amor na provincia de Ourense, en Galicia, España e en países de América vencellados ao escritor. Tamén inclúe entre os fins a divulgación de actividades nos campos da literatura, o xornalismo, a lingua galega, as artes, a fotografía e os estudos históricos e políticos abordados polo autor e polos investigadores da súa obra.

 Asemade, será labor da fundación potenciar e difundir a cultura e a realidade social, sobre todo da época do escritor, en Ourense, Galicia e no exterior; e colaborar con entes públicos e privados de fins semellantes.

 Para levar a cabo este traballo, a fundación levará a cabo a catalogación e conservación do arquivo documental e da súa biblioteca, propiedade da Deputación de Ourense, así como de toda a documentación relacionada coa figura de Blanco Amor, e tamén se ocupará da divulgación da súa obra, da formación de artistas e estudosos nos eidos relacionados coa actividade do escritor ourensán.

 A Presidencia da fundación recae no presidente da Deputación de Ourense e o vicepresidente será o representante da familia de Blanco Amor de maior grao de consanguinidade. Os patróns da fundación son: Gonzalo Allegue Otero, Victoria Álvarez Ruíz de Ojeda, Eduardo Camilo Bóveda Sebastián, María Soledad Do Muiño Cid, Luís González Tosar, Ángeles Fernández Pérez, Bieito Iglesias Araujo, Carlos Laiño Lorenzo, Arturo Lezcano Fernández, Siro López Lorenzo, Acisclo Manzano Freire, Maribel Outeiriño Rodríguez e Luís Pérez Rodríguez. En canto ás persoas xurídicas son: o Concello de Ourense representado polo seu alcalde, Jesús Vázquez Abad; a consellería de Cultura da Xunta de Galicia representada por Román Rodríguez González; e a editorial Galaxia representada por Antón Vidal Andión.

 A Deputación de Ourense aprobara en 2016 os estatutos da Fundación "Eduardo Blanco Amor". Daquela, o titular do goberno provincial destacara "a vontade integradora coa que nace a fundación, para aglutinar esforzos e para afondar no estudo da figura deste intelectual e para que desde os diversos mundos blancoamorianos seus saberes brillen con intensidade e cheguen ás novas xeracións", expresou Manuel Baltar.

Ningún comentario:

Publicar un comentario