En Galiza asináronse 74.091 contratos no mes de abril, pero o paro reduciuse só en 5.427 persoas
A temporalidade e a rotación do emprego son as principais características dun mercado laboral galego cada vez máis precarizado
Infogauda / Vigo
A central Sindical CIG ven de dar a coñecer os datos do paro correspondentes o mes de abril de 2017. Segundo afirma o secretario confederal de Emprego e Industria, Miguel Malvido, “no noso país asináronse durante o mes
de abril un total de 74.091 contratos, mais o descenso do número de parados/as
foi unicamente de 5427, o que amosa ben ás claras a principais características
do mercado laboral galego: a temporalidade e a rotación. Ademais, a baixada do
paro foi máis acusada no conxunto do Estado (un 3,49% de media fronte ao
2,58%). Deste xeito, o número de persoas rexistradas nos servizos públicos de
emprego en Galiza sitúase nas 204.629.
Abril é un mes no que tradicionalmente
ten lugar un descenso do desemprego, mais este ano, ao coincidir coa Semana
Santa, esta baixada foi lixeiramente máis acusada que en anos precedentes. As
cifras rexistradas neste período amosan que o 70% deste descenso foi no sector
servizos, mentres que o 75% dos contratos asinados foron tamén neste sector.
Ao mesmo tempo, os datos deixan ver de
novo unha tendencia que continúa imparábel: a perda constante na calidade do
emprego, tal e como se desprende do feito de que o 91,6% dos contratos
contabilizados o mes pasado foi rexistrado baixo algunha das modalidades de
contratación temporal. De feito, máis do 30% dos contratos duran menos dunha
semana.
A alta rotación dos postos de traballo
é outro dos lastres que pesan sobre o noso mercado laboral, xa que neste
período asináronse 74.091 contratos pero o paro reduciuse unicamente en 5427
persoas. Ademais, a protección social dos desempregados/as continúa a
descender, xa que a porcentaxe de parados/as que percibe algún tipo de
prestación baixou do 48,5% ao 47,6%, case un punto menos.
En resumo, o lixeiro descenso do paro
rexistrado no mes de abril grazas á estacionalidade do emprego vinculado ao
sector servizos vai ligado a un incremento da precariedade e da desprotección
social ás persoas desempregadas. Paralelamente, continúa a consolidarse a
figura do traballador/a pobre, que vai camiño de converterse en estrutural”.
Derrogación
das reformas e cambio de políticas
O
secretario confederal de Emprego e Industria, Miguel Malvido, sinala que “detrás
deste comportamento negativo atópanse as últimas reformas laborais aplicadas
por PSOE e PP, que só serviron para afondar na precarización do emprego e na
perda de dereitos laborais e sociais”. Así, para o responsábel sindical “calquera recuperación do mercado laboral e da calidade do emprego ten que pasar
pola súa derrogación e por un cambio de políticas”.
Finalmente,
lembra que “a central nacionalista achegou unha serie de medidas alternativas
neste sentido a través dunha Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) que incluía
100 medidas para o crecemento económico e a creación de emprego en Galiza que
foi defendida no Parlamento galego polo secretario xeral antes de ser rexeitada
cos votos do PP”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario