21 de ago. de 2016

LINGUA

Ofértanse 42 cursos de Linguaxe Administrativa Galega e preparatorios do Celga nas EOIS de Galicia

A formación será totalmente gratuíta e impartiranse entre setembro de 2016 e maio de 2017

Infogauda / Santiago de Compostela

 A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acaba de publicar a convocatoria dun total de 42 cursos para a mellora das competencias na lingua propia de Galicia, nomeadamente de Linguaxe Administrativa Galega – nas modalidades presencial e en liña, nivel medio e superior- e preparatorios para as probas de acreditación da certificación de lingua galega (Celga). Todos eles nas impartiranse nas escolas oficiais de idiomas e teñen carácter gratuíto.
 A formación dividirase en dous cuadrimestres e estenderase entre setembro de 2016 e maio de 2017, en horario de mañá ou de tarde. O prazo para solicitar participar nos cursos do primeiro cuadrimestre estará aberto ata o 9 de setembro; e ata o 2 de xaneiro de 2017 para os do segundo. As solicitudes presentaranse na secretaría da escola oficial de idiomas onde teña lugar o curso.
 Os termos da convocatoria, así como a relación de cursos e Escolas Odi poden consultarse no Diario Oficial de Galicia de hoxe, no enlace .

Requisitos

 Poderán beneficiarse da formación en Linguaxe Administrativa Galega, en xeral, o persoal das diferentes administracións públicas de Galicia, agás as excepcións indicadas na convocatoria.
 Para acceder ao curso medio de linguaxe administrativa os aspirantes deberán estar en posesión dalgún dos certificados seguintes: Celga 4, cursos de iniciación e perfeccionamento de lingua galega, curso básico de linguaxe administrativa galega, curso básico para o persoal da Administración de xustiza ou curso básico de linguaxe administrativa sanitaria. No caso do curso superior, deberán contar con algún dos certificados seguintes: curso medio de linguaxe administrativa galega, curso medio de linguaxe xurídica galega ou calquera dos cursos equivalentes a estes, que se establecen no punto 2 do artigo 5 da Orde do 13 de xuño de 2011 (DOG núm. 121, do 24 de xuño) pola que se regulan os cursos de linguaxe administrativa e xurídica galegas.
 Os cursos preparatorios do Celga están dirixidos a todas as persoas maiores de dezaseis anos, ou aquelas que os fagan no ano natural da convocatoria, que desexen preparar as probas convocadas pola Secretaría Xeral de Política Lingüística para certificar a súa competencia en lingua galega.

Ningún comentario:

Publicar un comentario