23 de ago. de 2015

CAMPOSANCOS (A GUARDA)

O BNG denuncia o desinterese do goberno municipal de A Guarda polo estado das ramplas da Armona  


O BNG xa presentou un escrito denunciando a situación en xullo e a zona segue igual   

Ángel Luis Baz Vicente, voceiro municipal do BNG no Concello de A Guarda, amosando o estado de deterioro sa rampla de madeira na zoa da Armona, en Camposancos (A Guarda) - Foto: Grupo Municipal do B.N.G.


Infogauda / A Guarda

 O BNG denuncia "o desinterese do grupo de goberno do PSOE polo estado no que están as ramplas de acceso as praias na zona da Armona".  

 Os nacionalistas acompañados de usuarios realizaron unha visita para comprobar o estado de deterioro de ditas ramplas. "Así, observouse - afirma Ángel Luis Baz Vicente, voceiro municipal do BNG no Concello de A Guarda - o estado da madeira ruinoso, zonas totalmente podres, fendas no firme, e os parafusos dos taboleiros desprendidos, ...(...)". 

 “Chama atención que estas infraestruturas foron deseñadas para facilitar a accesibilidade aos areais e para tratar de salvagardar a contorna dunar da zona. Hoxe, tanto usuarios como a contorna están desprotexidas, froito do nulo mantemento por parte do goberno local”, comentou Ángel Luis Baz.  

 Para o BNG "estas infraestruturas deben ter un mantemento continuado ao longo do ano, xa que corremos o risco de lamentar unha desgraza en calquera momento, sen esquecer a mala imaxe turística que amosamos en plena tempada de verán".  

Unha visita institucional sen resultados  

 "Sorprende que a principios de agosto pasaran por esta zona o goberno municipal, co Alcalde Antonio Lomba Baz á cabeza, e o presidente da Entidade Menor de Camposancos, acompañando á xefa de Costas do Estado, Cristina Paz-Curbera, e o estado da Armona segue a ser o mesmo", sinala o portavoz nacionalista.

 "Dende o BNG entendemos que o goberno municipal ten coñecemento do estado da Armona, dos problemas de accesibilidade ao areal e da afectación ambiental, pero son insensíbeis a esta realidade", conclúe Ángel Luis Baz Vicente.

Ningún comentario:

Publicar un comentario