21 de ago. de 2014

PESCA

O BNG inicia xestións na busca dunha solución para a flota galega que faena en Cabo Verde
                                                                        
O BNG reclamará ante a Comisión europea e o Goberno español “unha prorroga” do acordo de pesca para impedir que outras flotas, “que no cumpren os requisitos”, faenen na zona

Imaxe da reunión da deputada do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila e a portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, cos representantes da Asociación de Espadeiros Guardeses - Foto: BNG

Infogauda / A Guarda
 A deputada do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila  e a portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda mantiveron unha reunión cos representantes da Asociación empresarial de Espadeiros Guardeses sobre a “grave situación” da flota galega que faena en Cabo Verde e que afecta principalmente as embarcacións procedentes  dos portos da Guarda, Vigo e Burela.
 O sector trasladou ás representantes nacionalistas as “negativas  consecuencias” da expiración do Protocolo de Pesca Unión Europea- Cabo Verde que remata o 31 de agosto e amosaron  a súa queixa por   non ter recibido ningunha información  do Goberno español e da Comisión Europea negociadora. O acordo pesqueiro tivo varias roldas de negociación entre ambas partes, máis dende o mes de maio está parado por falla de entendemento. 
 Ante esta situación, as nacionalistas comprometéronse a iniciar xestións ante o Congreso dos deputados e a Comisión europea ao fin de acadar “unha prorroga” do acordo e impedir que outras flotas como a chinesa ou americana, que non cumpren os requisitos, “mediomabientais e laborais” podan faenar .

 O BNG xa presentou unha iniciativa no Congreso e dirixiuse hoxe mesmo aos responsables directos da negociación na Comisión Europea "para reclamar información e pedir unha solución aos barcos galegos que van ter que abandonar  as augas de Cabo Verde o vindeiro 31 de agosto" ,afirmou Ana Miranda.

A portavoz do BNG en Europa recalcou  que  o acordo de pesca  resulta  “estratéxico” para a flota galega que faena nas augas interiores de Cabo Verde, país que tamén se ve favorecido por esta actividade e acordo.


 Pola súa parte, a  deputada no Congreso Olaia Fernández denunciou   o “desleixo”  do  Goberno español  e a inacción en  defensa do sector e anunciou a presentación de iniciativas parlamentares en Madrid co fin de buscar unha solución urxente. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario