19 de xuño de 2013

O ROSAL

O BNG do Rosal presenta unha proposta no concello contra a minaría salvaxe e contaminante
 
Hai plans que afectan ao concello do Rosal

Infogauda / O Rosal

O Bloque Nacionalista Galego do Rosal, ven de presentar no rexistro do concello unha proposta, na que solicita da corporación un posicionamento contra da minaría salvaxe e contaminante.

Segundo o grupo nacionalista, a explotación dos recursos mineiros e particularmente dos metais, está controlada por grandes empresas transnacionais que operan baixo criterios especulativos aplicando prácticas neocoloniais. O seu alto prezo nos mercados fai que a explotación e extracción procure beneficio rápido a costa do grave impacto ambiental e riscos para saúde das persoas.

O voceiro nacionalista, Alberte Alonso Pereira, indica que a maioría das explotacións que actualmente perviven en Galiza, foron autorizadas en base a normas aprobadas no réxime franquista, sen ter en conta o aproveitamento sustentábel dos recursos mineiros. O aproveitamento de determinados recursos mineiros debe ser considerado estratéxico, decidido desde Galiza en función dos seus intereses, e tutelado desde os poderes públicos para garantir a sustentabilidade ambiental e social dos proxectos.

Engade Alonso Pereira, así mesmo, que ademais dos plans en marcha que xa hai no país, hai outros, como é o da empresa canadiana Medgold Resources, que afectan tamén ao concello do Rosal.

Asi mesmo, di que os supostos beneficios económicos e de xeración de postos de traballo non compensan os prexuízos ambientais e socioeconómicos derivados doutros recursos naturais e a saúde humana.  Os permisos de investigación ligados á extracción de ouro implican o uso de cianuro, unha substancia altamente tóxica, mesmo letal, un dos principais contaminantes, que pode ter impactos graves e irreversíbeis na saúde humana, no medio ambiente e destrutivos na diversidade biolóxica, e que está prohibido en moitos estados do mundo.

“Existe un clamor para que se suspendan os permisos e concesións en tramitación, que se prohiba a macrominaría a ceo aberto e a minaría con cianuro, ademais da necesidade de estabelecer avais suficientes e seguros de responsabilidade civil que permitan cubrir a situación máis catastrófica que puidese ocorrer. E aínda máis, que Galiza sexa soberana na explotación dos seus recursos, como a minaría”, conclúe.


Ningún comentario:

Publicar un comentario