Este sábado remata a XXV Semana Cultural de Pedornes (Oia) despois de case dúas semanas cheas de actividades aptas para todas as idades.
Informa: Manuel Ángel Pombal Diego / Pedornes
Este sábado remata con diversas actividades que se desenvolverán ao longo de todo o día. As actividades programadas son:
10:00 h. Campionato de Fútbol (3 x3).
17:00 h. Xogos populares no eirado de Pedornes: Carreiras de sacos, xogo das cadeiras, tiro da corda (sogatira), etc.
19:00 h. Teatro do Lume levará a escena a obra de teatro para adultos titulada: “A que non podes dicir cocacola”.
Sinopse da obra:
Pola rúa camiñan montóns de caras sorrintes, caras sorrintes absurdas, adornadas con gorros, lazos, piercings, sombreiros…E sempre, ou ás veces, ou de cando en vez, unha se atopa algunha cara sorrinte, absurda, adornada, que pregunta: “como estás?. E unha (cara sorrinte, absurda, adornada tamén) di: “ben” ou “tirando” ou “máis ou menos”…E é probable, ou moi probable, que algunha das caras sorrintes, absurdas, adornadas, engada: “non nos podemos queixar, tal e como están os tempos, non nos podemos queixar”…E as dúas caras sorrintes (máis sorrintes se cabe), absurdas (máis absurdas se cabe), adornadas (tan adornadas como estaban) seguen o seu camiño… sen queixarse… “porque tal e como están os tempos, non nos podemos queixar…”
As actividades rematan coa XXVIII Festa do Magosto, a partires das 20:30 h. Unha gran festa na que haberá castañas asadas, viño tinto, refrescos, etc. (todo gratis!!!). Tamén haberá bocatas de chourizo a prezos populares.A festa estará amenizada polos grupos “Airiños do Tamuxe” de Loureza e “A Muruxeira” de Pedornes.
NOTA: Durante a festa entregaranse os trofeos aos ganadores dos campionatos e realizarase o sorteo das 8 cestas de produtos variados que se rifan.
Ademais, haberá outros xogos populares tales como zancos, aros, etc. cedidos por Rafael Dorado Senra (O Rosal) e xogos interactivos cedidos por ANABAM.
Ningún comentario:
Publicar un comentario