Luis López asina coa alcaldesa de Tomiño, Sandra González, a achega de 1,2M€ para a recuperación da contorna da igrexa de Santa María de Tebra
• O presidente provincial recibe á rexedora no Pazo Provincial para selar un acordo co que a Deputación, a través dos recursos do Plan Extra e o +Provincia, financia case a totalidade dunha obra que fomenta a mobilidade peonil nun espazo público de alto valor
Infogauda/Tomiño
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, asina coa alcaldesa de Tomiño, Sandra González, o convenio para a recuperación do espazo público para as persoas na contorna da igrexa de Santa María de Tebra. Trátase dun proxecto enmarcado na segunda convocatoria do Plan Provincia Extraordinaria – Plan Extra, un programa que reparte 35 millóns de euros entre 57 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia que resultaron beneficiarios nesta segunda entrega do Plan Extra. No Pazo provincial, López e González selaron un acordo a través do cal o organismo provincial achega 1,2 millóns de euros para financiar case a totalidade da obra a través da combinación dos recursos do Plan Extra (900.000€) e do +Provincia (260.000€), cuxo orzamento completa o Concello con recursos propios cunha aportación adicional de 140.000 euros. Un novo proxecto de colaboración entre as administracións provincial e local que contribúe á recuperación e mellora do espazo público para uso e desfrute da veciñanza.
O obxecto do proxecto é transformar a contorna da igrexa de Santa María de Tebra nun espazo público accesible, seguro e que priorice o tránsito peonil, ao tempo que preserva o valor patrimonial da igrexa. Para a mellora da accesibilidade, contémplase o redeseño do tráfico rodado restrinxindo o acceso de vehículos e ampliando as zonas peonís para mellorar a seguridade e integrar o templo coa contorna. Na praza fronte o cemiterio implantarase unha plataforma única diferenciando unha zona de estancia con pavimento en formigón e unha banda perimetral de pedra organizando o espazo arredor do cruceiro, unha liña de árbores cunha bancada circular arredor e os accesos ao cemiterio e supermercado. No espazo fronte a igrexa, xérase unha praza pública que funcionará como punto de encontro e como escenario para acontecementos sociais. A actuación contempla tamén a creación de zonas de estancia e descanso, labores de conservación, mellora dos accesos á praza, instalación de redutores de velocidade, acondicionamento do muro do cemiterio, renovación de instalacións e a construción dunha senda que conecte os equipamentos educativos coa casa da cultura e a igrexa e cemiterio de Tebra.
A sinatura deste acordo supón un novo paso adiante na colaboración da Deputación co Concello de Tomiño, onde tamén están en marcha outros proxectos centrados na mellora dos espazos públicos, así como de infraestruturas viarias ou equipamentos sociais que redundan nunha mellora da calidade de vida da veciñanza.

Ningún comentario:
Publicar un comentario