Festividade dos Anxos Custodios
Abel Losada destaca os avances para a nova Comisaría Provincial en Mollavao
• O subdelegado do Goberno preside o acto con motivo da festividade dos Ánxeles Custodios, patrón da Policía Nacional
• A delincuencia convencional na cidade pechou 2025 cun 6% menos de delitos que en 2019, “un logro extraordinario”
Infogauda/Pontevedra
O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, destacou hoxe, durante os actos institucionais con motivo do Día da Policía, os avances para facer realidade nun futuro próximo a nova Comisaría Provincial da Policía Nacional. “Unha cuestión - explicou - que nunca fora trasladada a Madrid e que agora si que está nas mesas onde se toman estas decisións, respaldada por informes técnicos”.
Losada presidiu, xunto ao comisario provincial, Juan José Díaz, o acto conmemorativo da festividade dos Ánxeles Custodios, patrón da Policía Nacional, no que agradeceu o traballo diario dos homes e mulleres que integran o corpo e a súa contribución á seguridade e á convivencia na cidade.
Durante o acto entregáronse 19 medallas, das que 13 corresponderon a axentes da Comisaría de Pontevedra, unha a un axente de Vilagarcía de Arousa, dúas a axentes de Marín e outra a un axente de Tui. Ademais, foron distinguidos o fiscal delegado provincial antidroga, Servando Caíño da Silva, e o comandante da Garda Civil Alfredo Castro Pérez.
Ao respecto da nova Comisaría, o subdelegado lembrou que xa se tramitou o informe urbanístico do Concello de Pontevedra para a parcela de Mollavao, actualmente ocupada pola Casa do Mar, e tamén o informe do servizo de Arquitectura da propia Policía Nacional. O subdelegado explicou que a liberación da parcela está condicionada ao futuro traslado do centro médico da Casa do Mar ao hospital Montecelo. Losada tamén desexou que Pontevedra poida contar cunha Unidade de Prevención e Reacción (UPR) reforzando a súa Comisaría, unha petición que tamén foi trasladada e depende agora das decisións operativas que tome a propia Policía Nacional.
Sete anos mantendo a raia a delincuencia
O subdelegado puxo tamén en valor os datos de seguridade da cidade. A Comisaría de Pontevedra pechou 2025 con 2.353 delitos convencionais, fronte aos 2.515 rexistrados en 2019, o que representa un descenso acumulado do 6%. “Levamos sete anos mantendo a raia a delincuencia”, destacou Losada, quen cualificou o resultado como “un logro extraordinario” e sinalou que supón tamén “un listón moi alto para os anos vindeiros”.
O subdelegado atribuíu estes resultados ao traballo dos integrantes das Forzas e Corpos de Seguridade e á estreita coordinación coa Policía Local. “A seguridade é, sempre, unha conquista colectiva”, afirmou.
Losada destacou que Pontevedra se mantén no grupo das capitais de provincia máis seguras de España e incidiu na relación entre seguridade, convivencia e calidade de vida. “Calquera modelo de benestar e convivencia comeza, obrigatoriamente, pola seguridade. Sentirse seguros, saber que se xorde un problema a Policía Nacional estará aí para protexernos, é o piar fundamental da nosa liberdade”, sinalou.
O subdelegado rematou agradecendo a vocación de servizo público dos integrantes da Policía Nacional e reivindicando o seu papel na protección dos dereitos e liberdades da cidadanía. “Os tempos cambian e os retos vólvense máis complexos, pero a Policía Nacional sempre responde”, concluíu.
.jpeg)

Ningún comentario:
Publicar un comentario