Acción social e sustentabilidade
A Subdelegación do Goberno en Pontevedra entrega 20 ordenadores a 6 entidades sociais da provincia para apoiar a súa actividade formativa
• A iniciativa enmárcase no Plan Estratéxico da Administración Xeral do Estado no Territorio 2024-2027 e promove a economía circular mediante a reutilización de recursos tecnolóxicos
Infogauda/Pontevedra
A Subdelegación do Goberno en Pontevedra entregou 20 equipos informáticos a seis entidades sociais sen ánimo de lucro da provincia, co obxectivo de prolongar a vida útil dos recursos tecnolóxicos da Administración e contribuír ao desenvolvemento das actividades formativas destas organizacións.
As seis entidades beneficiarias destinarán os ordenadores de sobremesa á impartición de cursos e actividades formativas dirixidas ás persoas usuarias dos seus servizos.
ASPANAEX e Hogar y Clínica San Rafael recibiron catro equipos cada unha, mentres que a Fundación Menela, a Asociación Galega San Francisco, APAMP e Alento recibiron tres ordenadores por entidade.
Estas seis organizacións desenvolven un importante labor social na provincia, especialmente nos ámbitos da atención ás persoas con discapacidade intelectual, trastorno do espectro autista, parálise cerebral e dano cerebral adquirido, así como na promoción da autonomía persoal, a formación e a inclusión sociolaboral.
Compromiso coa economía circular
Esta actuación enmárcase no Plan Estratéxico da Administración Xeral do Estado no Territorio 2024-2027 (PEAGET), que inclúe entre os seus obxectivos avanzar no uso sostible dos recursos públicos. A reutilización destes equipos permite aproveitar materiais informáticos que continúan sendo funcionais e darlles unha segunda vida ao servizo de entidades que desenvolven un importante labor social.

Ningún comentario:
Publicar un comentario