BALONMÁN FEMININO
As cadetes do Atlético Guardés pechan a loita pola liga Ouro esta fin de semana en Culleredo
• O equipo cadete da base baixomiñota vai a por o pleno de ascensos e busca unirse ás xuvenís e infantís na eliminatoria da categoría en Culleredo
• Mediranse ao anfitrión Balonmán Culleredo, ao Caselas e ao Xiria
Redacción Deportes/A Guarda
A base do Atlético Guardés espera pechar unha semana máis con máis boas noticias. Esta fin de semana, as cadetes baixomiñotas pecharán as eliminatorias de ascenso a Liga Ouro, máxima competición autonómica, coa súa visita a Culleredo. As xuvenís e infantís terminaron as súas fases homólogas como líderes a pasada fin de semana.
O equipo cadete de José Ignacio Prades e Pablo Bresas chega a esta eliminatoria buscando seguir mellorando. Tras quedar segundas de grupo na fase de clasificación, tratarán agora de obter polo menos o mesmo posto no Grupo A da eliminatoria que este venres, 2, sábado, 3 e domingo, 4 de outubro celebrarase nos pavillóns de Almeiras e de Tarrío no concello coruñés de Culleredo. Os seus rivais: o Garaysa Xiria, o anfitrión Balonmán Culleredo Sutenor e o Javucho Publicidade Balonmán Caselas, tres equipos de alto nivel que non o poñerán nada sinxelo nesa loita por unha praza na máxima categoría galega.
O reto para as guardesas comezará estee venres, ás 19.00 horas ante o Xiria, no municipal de Almeiras. A fin de semana desprazaranse ao polideportivo de Tarrío para enfrontarse primeiro ao anfitrión, o sábado ás 13.00 horas; e despois ao Caselas, o domingo ás 11.00, para pechar a competición.
José Ignacio Prades: “Meter aos tres equipos en Liga Ouro é un dos obxectivos que nos marcaramos”
O adestrador principal das cadetes e coordinador da base guardesa, José Ignacio Prades, explica que, alén do equipos infantil e xuvenil, “gustaríame meter tamén ao cadete en Liga Oro, xa que é un dos obxectivos que nos marcaramos”. Admite, con todo, que pode ser máis difícil que nos outros dous casos, tanto “polo feito de xogar fóra”, en Culleredo, como “polo nivel deportivo que imos ter” na fase, contra tres rivais esixentes.
En calquera caso, as intencións están claras. “Imos con moitísimas ganas e con moitísima ilusión”, indica, aínda que advertindo de que será duro: “Van ser tres días frenéticos de actividade, xa non só para o cadete senón para todo o Club”, engade, en referencia á eliminatoria europea que as de División de Honra afrontarán ademais na Sangriña. O reto, conclúe, afróntano con esta mentalidade: “As mozas teñen moitísimas ganas de competir e estámonos preparando para intentar meter outra vez ao equipo en Liga Ouro e para que poidamos facelo do mellor xeito posible”.
01102026.jpg)
Ningún comentario:
Publicar un comentario