2 de out. de 2026

CULTURA

Falando na Cruzada


 Bernardina Vicente Castro, en setembro de 2026
Foto: Tini Andrés

Proxecto Socheo/A Guarda

 Qué arroutada me levou, despois de tantos anos sen facelo, a pasear polo alto da Cruzada?  

 A lectura do artigo que Xurxo Chirro publicou en Proxecto Socheo? 

 Xurxo escribiu para deixar memoria, digo deixar e non facer porque non sempre a temos a nosa disposición. Temos que agradecerllo porque amosounos un tempo concreto dun lugar concreto.  

 A identidade é, esencialmente, memoria, pouso de vida no tempo, sedimentos sociais.  

 No alto da Cruzada non vin, como noutrora, hortas con leitugas, cebolas, feixóns… que logo vendían na Praza de abastos. Cando eu era cativa non entendía ben porque unha praza se chamaba así…  

 Hoxe é unha zona residencial, con pequenos eirados, nos que medran algunhas verzas, e algún xardín.  

 Na Fonte da Cal non hai –afortunadamente- mulleres mallando nas mantas ou as roupas de traballo. Polos tanques de pedra corren augas limpas baixo a estática mirada de Brasilino dende o cartaz que colga na parede da fonte, por riba das vilas. Brasilino Álvarez, derradeiro alcalde republicano, nado na Cruzada en 1894, tomou posesión como alcalde o 15 de xullo de 1.936 e foi executado pola represión franquista o 7 de decembro do mesmo ano en Tui. En xuño de 2024, a Asociación de Memoria histórica e o concello da Guarda fixéronlle unha homenaxe e colocaron un monolito conmemorativo na Praza da Figueira.  

 Si a identidade é memoria, poderíase preguntar cómo andan diso os veciños da Cruzada.  

 Ao regresar pola estada que divide a Cruzada, pero sempre de cara o mar, sentada nun banco de madeira, a sombra dun rododendro, estaba ela.  

 De primeiras non me recoñeceu. Desconcerto na súa cara. Os 60 anos que pasaron por nós sen volver a vernos terá algo que ver.  

 Cando lle dixen de quen era filla e que me lembraba dela porque cando eu era cativa ía a traballar a miña casa, todo cambiou: Luz na súa cara, abrazos, e conversa.  

 -Si, ía traballar, pero túa nai era miña amiga. Aparte das pesetas do xornal, sempre me aquelaba algo para comer.  

 O longo de dúas horas, Bernardina Vicente Castro, muller presente na miña infancia e adolescencia, fixo un magnifico relatorio que me trouxo ao presente aqueles tempos nos que aquelar para sobrevivir era tarefa común de moitísima xente da Cruzada.  

 Tempos de fame, nos que non se comía quente en tódalas casas.  

 Tempos de friaxe coas casiñas a barlovento do Atlántico.  

 Tempos de desarraigo porque a emigración partía familias e vidas.  

 Bernardina está moi agradecida a unha familia pra que ela traballou, porque lle aquelou tódolos papeis para emigrar a Alemaña. Previo permiso do seu home para poder facelo, cousas daqueles tempos.  

 Ten moi ben arquivado na súa cabeza e no seu corazón o que supuxo poder saír da tristura de vida que a posguerra española do 39 ofrecía, e ir traballar na Alemaña da posguerra do 45. A  posibilidade de mandar os fillos a colexios é das cousas que mais estima.  

 Na miña memoria tiña vencellada A Cruzada coa figura desta muller valente, decidida, loitadora. Este verán do ano 26 do século XXI, a memoria de Xurxo Chirro (nado na Cruzada) encetou co a de Bernardina (nada na Cruzada), e as dúas coa miña.  

 E recibín un agasallo: a verba aquelar.  

 Bernardina utilizouna mais de cen veces nas dúas horas de conversa. Síntoa como un agasallo porque medrei oíndo a Bernardina falar arredor de min, pero non me apropiei deste “comodín” marabilloso da nosa fala.  

 A lingua, o galego que nos da identidade, é patrimonio inmaterial de todos nós.  

 Bernardina, sen sabelo, aqueloume a identidade.  

 Grazas.  

 Tini Andrés

Ningún comentario:

Publicar un comentario