8 de out. de 2026

A GUARDA

Turismo e patrimonio 

Abel Losada subliña o valor turístico do novo selo de Correos dedicado á Praza do Reló da Guarda 

• O subdelegado do Goberno destaca que a presenza institucional de Correos na provincia é tamén unha forma de promoción turística 

• A Guarda acolle do 8 ao 12 de outubro a exposición anual da Federación Española de Sociedades Filatélicas, organizada pola Sociedade Filatélica e Numismática Guardesa 

• O selo dedicado á Praza do Reló foi presentado hoxe nun acto institucional no Concello da Guarda 


O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, nun momento da súa intervención na presentación do novo selo de Correos dedicado á Praza do Reló da Guarda
Fotos: SdoG

Infogauda/A Guarda

 O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, participou hoxe na presentación do novo selo de Correos dedicado á Praza do Reló da Guarda, emitido con motivo da celebración de FILATEM 2026, a exposición anual da Federación Española de Sociedades Filatélicas, que se desenvolve na localidade entre o 8 e o 12 de outubro. 

 O acto, celebrado no Concello da Guarda, contou coa participación da directora de Filatelia e Relacións Institucionais de Correos, Nuria Lera; do tenente de alcalde, Óscar Alonso; do secretario xeral da Federación Española de Sociedades Filatélicas, Rafael Acuña; do concelleiro de Cultura e Deportes, Celso R. Fariñas; e do presidente da Sociedade Filatélica e Numismática Guardesa, José Ángel Gándara. 

 Durante a súa intervención, Abel Losada destacou o papel da filatelia como ferramenta de difusión do patrimonio histórico, cultural e turístico da provincia. Neste sentido, sinalou que a presenza institucional de Correos en Pontevedra constitúe «ademais dun acto cultural, un acto de promoción turística» e puxo en valor a diversidade da provincia, que definiu como «a máis plural de Galicia, en paisaxe, economía, enogastronomía e mesmo costumes». 

 O subdelegado salientou tamén a importancia de que A Guarda acolla unha cita filatélica de ámbito estatal, que permitirá dar a coñecer o municipio e o seu patrimonio entre afeccionados e visitantes. Así mesmo, felicitou ao Concello, á Sociedade Filatélica e Numismática Guardesa, á Federación Española de Sociedades Filatélicas e a Correos polo seu traballo e colaboración na organización desta iniciativa. 

 Losada aproveitou a ocasión para reivindicar o atractivo turístico da Guarda, que describiu como «un recuncho privilexiado onde se atopan o Miño e o Atlántico e do que sempre se marcha con ganas de volver». 


Mataselado de honra
Foto de familia trala presentación do novo selo, cuño, e sobre conmemorativo, na Praza de Reló

 A presentación do selo estivo acompañada dun mataselado de honra realizado polos representantes institucionais participantes. A xornada incluíu tamén a inauguración da exposición de filatelia temática FILATEM 2026. 

Segundo selo presentado esta semana na provincia 

 O subdelegado lembrou que esta presentación dá continuidade á celebrada onte en Soutomaior, onde Correos deu a coñecer un selo dedicado a María Vinyals, impulsado polo Concello coa colaboración da Subdelegación do Goberno en Pontevedra. 

 Ambas as iniciativas poñen de manifesto a contribución da filatelia á divulgación da historia, das figuras destacadas e dos espazos emblemáticos da provincia, ao tempo que permiten proxectar o seu patrimonio máis alá do territorio galego.

Ningún comentario:

Publicar un comentario